Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2019 | Actualizada ás 14:14
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) alertou do "perigo para a poboación" que supón a medida adoptada pola Xunta de permitir a caza de xabarís durante todos os días da semana en 33 municipios galegos que serán declarados a partir da próxima semana como áreas de emerxencia cinexética pola superpoblación desta especie.
Nunha rolda de prensa celebrada no Parlamento de Galicia este xoves, o deputado nacionalista Xosé Luís Rivas tachou de "barbaridade" a decisión anunciada polo Goberno galego o pasado luns e que, segundo o parlamentario, é rexeitada polos tecores e as sociedades de caza.
"A xente deste país é sensata, quen non é sensato é o Goberno", aseverou Rivas, que acusa á Xunta de afrontar a sobrepoblación de xabaril como "un problema electoral" para o que, tras anos de "inacción", adoptan "medidas de calquera xeito".
Deste xeito, avisa de que permitir a caza "a calquera hora" pon en risco á poboación que, durante o outono, acode ao campo para "pasear, recoller cogomelos, noces e castañas" ou, mesmo, que realiza tarefas agrícolas propias desta época do ano como a recollida do millo. "Os cazadores avezados pensan que é unha tolemia, non garda as mínimas normas de seguridade", apostilou.
Tamén puxo o foco en que poderían "triplicarse" os accidentes de tráfico que teñen como causa a presenza de xabarís nas vías de circulación, ademais de "complicar" as tarefas dos 'tecores' para combater o furtivismo. "Non podemos lamentarnos cando ocorra algunha desgraza. E o risco é alto", incidiu Rivas, que solicita á Consellería de Medio Ambiente que "recapacite" sobre esta medida.
PLAN DE XESTIÓN
Como vía para atallar a sobrepoboación de xabarís en Galicia, o Bloque insta o Goberno galego a desenvolver un plan de xestión para controlar o número destes animais e adoptar "medidas eficaces" de cara ao seu control.
E é que, para Rivas, a orde de axudas anunciada pola Xunta está "improvisada", como evidencia que se estableza como "motivo preferente" para ser beneficiario a produción de boniato. "Cantas hectáreas de boniato hai en Galicia?", preguntouse o deputado, que desconfía de que a orde da Xunta resulte un "curta pega" de plans doutras comunidades como Aragón, onde si se cultiva este tubérculo.
"Cremos que é necesario tomarse en serio a xestión desta especie. É necesario un plan de xestión e deixar a lei do mínimo esforzo que practica a Consellería de Medio Ambiente", incidiu Rivas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.