Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2019 | Actualizada ás 23:54
Urxe tomar medidas para reducir os efectos da emerxencia climática sobre o planeta. Co gallo de visibilizar o problema e concienciar a cidadanía, o colectivo ecoloxista Extinction Rebellion Galicia vén de desenvolver este xoves unha acción performática e non violenta nas rúas de Compostela.
Un grupo de persoas vestidas de branco ocuparon o espazo de porta Faxeira mentres portaba pancartas con lemas como "O noso fogar está ardendo" ou "Non é rentable respirar?".Todas elas viñan presididas por unha representación da bóla do mundo atabiada con botellas de plástico ou teléfonos móbiles. Esta acción está encadrada dentro da escalada de accións polo clima convocadas polo movemento internacional "By2020 we rise up", que engloba unha morea de asociacións e que promove estratexias de protesta innovadoras.
Dende Extinction Rebellion Galicia fan tres demandas claras: "que se comece a dicir xa a verdade dende os gobernos e os medios de comunicación, que se comece a divulgar a eminencia da emerxencia climática e do colapso ecolóxico e as consecuencias catastróficas que terá e que se comece a actuar xa dende os gobernos", explica un dos organizadores. Entenden que non só ten que asumir a carga a sociedade civil, senón que o principal cambio debe provir das medidas que se tomen a nivel político.
Visibilizar a causa e poñerse a actuar de maneira urxente é a única vía para salvar o planeta. Accións coma esta, que se repetirán ao longo dos próximos meses polo mundo adiante, teñen esa importante finalidade. Eis algunhas imaxes e vídeos da protesta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.