A actriz Mabel Rivera será homenaxeada no Festival Internacional de Curtas de Verín

Gañadora dun Premio Goya por 'Mar Dentro' no ano 2005, Rivera "é un rostro ben coñecido para os telespectadores galegos pola súa participación na soada serie 'Pratos Combinados', que estivo en antena durante oito anos na Televisión de Galicia".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 07/10/2019 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

A actriz ferrolá Mabel Rivera toma a substitución de Antonio Durán 'Morris' e será homenaxeada na próxima edición do Festival Internacional de Curtas de Verín (Ourense).

Ao redor da figura desta actriz articularase, segundo sinala o director do certame, Carlos Montero, "unha actividade na axenda paralela do festival que incluirá unha charla coa actriz e a proxección dunha selección de curtametraxes nas que participou ao longo da súa fecunda carreira".

"Mabel Rivera posúe unha dilatada traxectoria artística no ámbito da actuación e desde os anos 70 participou en multitude de proxectos teatrais, televisivos e de cinema", destacou a organización do festival.

Gañadora dun Premio Goya por 'Mar Dentro' no ano 2005, Rivera "é un rostro ben coñecido para os telespectadores galegos pola súa participación na soada serie 'Pratos Combinados', que estivo en antena durante oito anos na Televisión de Galicia", destacaron as mesmas fontes.

A actriz afirmou sentirse "moi agradecida" pola homenaxe, á vez que mostrou o seu compromiso con participar na cuarta edición do Festival Internacional de Curtas de Verín.

Neste sentido, Rivera considera "importante" apoiar "aqueles espazos que, como o FIC Vía XIV, achega propostas e tendencias cinematográficas aos habitantes das vilas galegas, que non sempre teñen acceso á maior oferta de contidos e á axenda cultural que existe nas nosas cidades".

Mabel Rivera
Mabel Rivera | Fonte: aisge

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta