Critican ao Sergas por "ocultar datos" e aseguran que o 35% das enfermeiras son eventuais

Enfermeiras Eventuais en Loita demanda "un mecanismo fiable, dinámico e áxil" para "coñecer os datos reais" sobre a totalidade de persoal do Sergas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2019 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

O colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita reclama "total transparencia" sobre o persoal de enfermaría do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que na actualidade, segundo asegura, ten unha "elevada temporalidade".

Por iso, publicaron un estudo na súa páxina web, recollido por Europa Press, que conclúe que "o computo total de eventualidade é dun 35 por cento" nas oito áreas analizadas. "Con este estudo pretendemos mostrar a realidade e, por outra banda, desmentir as palabras do conselleiro Jesús Vázquez Almuiña, do presidente da Xunta e do xerente (do Sergas) Antonio Fernández-Campa, que cifraban no 88% ao persoal cun contrato estable dentro do Servizo Galego de Saúde, datos claramente terxiversados para maquillar a realidade", denunciou este colectivo de enfermeiras.

Así, expoñen nas conclusións do estudo que "a realidade actual é que nas oito áreas estudadas" --A Coruña, A Mariña, Cee, Ferrol, Lugo, Monforte, Ourense e O Salnés-- "o computo total de eventualidade é dun 35%, xa que o nomeamento de carácter interino do persoal que cobre unha vacante é Persoal Estatutario Temporal, como así o reflicte o Estatuto Marco Lei 55/2003, de 16 de decembro", explican.

Por iso, considera que "a ocultación desta realidade pode ter sentido se o que pretende a Administración é evitar a presión lanzada desde diferentes institucións comunitarias" como a Comisión Europea, que recomendou no seu informe do primeiro semestre do 2019 "reforzar as inspeccións de traballo para evitar o abuso de contratos temporais", advertindo de que "os xestores seguen facendo un uso extremo dos contratos a curto prazo", abundaron.

"Se existise un Rexistro Público de persoal fixo e eventual debidamente actualizado, para que todas as traballadoras e traballadores puidésemos acceder, este estudo non sería necesario, pero a transparencia non existe e os datos son opacos e terxiversados", sostén este colectivo.

Neste sentido, reclaman "total transparencia á Xunta de Galicia e á Consellería de Sanidade". "Só cos números públicos e reais poderemos cuantificar e definir con exactitude as prazas actuais, a súa cobertura e as previsións de xubilacións que fin de coñecer o estado real da totalidade do cadro de persoal de enfermeiras do Sergas", subliñan.

Por iso, inciden en que "mentres os erros e faltas da Administración non se emenden", seguirán "reclamando solucións por unha sanidade mellor para todos". "Non pararemos", avisan Enfermeiras Eventuais en Loita.

"MECANISMO FIABLE"

Este colectivo insiste na "falta de transparencia relativa aos datos dos traballadores do Sergas", polo que xustifican este estudo de campo na maioría das EOXIS "para levantar a voz contra a precariedade e a elevada taxa de persoal estatutario temporal na categoría de enfermeira".

"Os datos reflectidos no mesmo achéganse, e nalgúns distritos ven máis elevados, aos datos publicados polo Consello de Contas relativos ao ano 2017 o cal situaba os índices de temporalidade nun 40% en Atención Especializada e 28,1% en Atención Primaria, observándose un incremento interanual dos mesmos", avisan.

"No ano 2016 situábanse, respectivamente, nun 37,6% e nun 26,3%, onde a nivel global obsérvase unha diminución interanual de 582 efectivos medios de persoal propietario e un aumento de 708 interinos", indican. En canto ás contratacións temporais de eventuais e substitutos "aumentaron en 270 efectivos respecto do exercicio anterior, o que en termos porcentuais representou un incremento do 3,3%", abundan

O colectivo puntualizou que "todos os datos achegados para o estudo foron ofrecidos de forma voluntaria polo persoal e recompilados con data fin do 30 de setembro do ano 2019", con, matizan, "o único obxecto de coñecer a súa condición laboral dentro do Sergas, uns datos reais e fidedignos que debería ofrecer a Administración", conclúen.

Deste xeito, xustificaron a publicación do estudo un día antes previo á súa mobilización mensual, prevista para este 11 de outubro ás 12,00 horas nos centros sanitarios, onde volverán reclamar "transparencia" e instarán á Administración a que "con carácter urxente poña en marcha un mecanismo fiable, dinámico e áxil para coñecer os datos reais sobre a totalidade dos profesionais do Sergas".

Enfermeiras e persoal sanitario e médico do HULA
Enfermeiras e persoal sanitario e médico do HULA | Fonte: FB Eventuais en Loita

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta