Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2025 | Actualizada ás 19:02
A Xunta impulsa un rexistro oficial de aglomeracións urbanas da Comunidade co obxectivo de mellorar a planificación dos servizos de saneamento e depuración e garantir un control efectivo da calidade das augas. Este instrumento permitirá definir e actualizar as unidades territoriais sobre as que se estrutura a prestación destes servizos e mellorar o coñecemento técnico das infraestruturas de tratamento de auga existentes e avanzar na súa ordenación.
Diso informou a Xunta nun comunicado, no que destaca o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, participou este mércores na presentación ante máis dun centenar de representantes dos municipios galegos deste rexistro. Na súa intervención, o responsable do organismo autonómico destacou que este rexistro é fundamental para cumprir cos obxectivos tanto da Lei de mellora do ciclo integral da auga de Galicia como da Directiva sobre o tratamento das augas residuais urbanas e afrontar os desafíos actuais e futuros no ámbito do saneamento e a depuración.
De feito, incidiu, trátase dun instrumento operativo imprescindible para articular a acción administrativa neste contexto normativo sobre o tratamento das augas, facilitando a planificación e execución de actuacións baseadas nos datos máis actualizados posibles, mellorando a coordinación entre administracións e operadores e optimizando a avaliación e seguimento dos obxectivos ambientais. Roi Fernández subliñou que tanto este novo rexistro como o Plan xeral galego de saneamento e a implantación da nova directiva europea contribuirán a unha transformación profunda da política de saneamento da comunidade.
Neste sentido, a prioridade xa non será só construír novas infraestruturas, senón garantir o seu correcto funcionamento, a súa eficiencia e a súa integración co medio natural e o territorio. Un escenario no que, destacou ante os municipios, é fundamental a cooperación institucional, polo que Augas de Galicia seguirá apoiando ás entidades locais ofrecendo soporte técnico e económico no exercicio das súas competencias para impulsar un modelo de xestión sustentable, asegurando a calidade ambiental das augas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.