Escolas infantís piden "protocolos claros" ante situacións como o apagamento: "En 15 horas cambiouse 4 veces de criterio"

Maiores sen respiradores e durmindo en colchóns ao non poder entrar nos seus cuartos: a CIG denuncia "caos" nas residencias privadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2025 | Actualizada ás 20:04

Comparte esta noticia

Patronal, sindicatos e traballadores de escolas infantís reclaman ás administracións públicas "protocolos claros" ante situacións como o apagamento vivido o luns na península Ibérica, para evitar a "descoordinación" e a confusión do martes sobre a apertura dos centros. E é que o luns pola noite, tras horas sen electricidade, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciara que se suspendían as clases en colexios e escolas de 0 a 3 anos. A determinación da Xunta, en parte pola rede extensa de transporte escolar e con ánimo de aforrar combustible, era pechar os centros.

A decisión adoptouse cando estaba en vigor o nivel 2 de emerxencia e aínda tiña o mando a Administración autonómica, pero pouco despois activouse o nivel 3 e a coordinación pasou a mans do Goberno central. A directriz foi que, aínda que sen actividade lectiva, reabrisen os centros e así o ratificou o presidente da Xunta ao día seguinte pola mañá. Con todo, dado que fallaban os móbiles, houbo profesores que non recibiron a tempo as directrices de que os centros debían estar abertos. O mesmo ocorreu coas familias.

Neste contexto, diferentes axentes do sector xa avanza as súas primeiras reivindicacións para reclamar claridade e coordinación ante estas situacións. A través dun comunicado, a Asociación Galega de Escolas Infantís (Agadei) pide "respecto" ás institucións porque a situación levou "ao malestar de familias e centros educativos por igual". Esta entidade critica que, "nun lapso de menos de 15 horas, cambiouse catro veces de criterio sobre a apertura ou peche das escolas infantís". Ademais, isto ocorreu nun contexto no que "non existían máis comunicacións que as da radio, en caso de ter a sorte de posuír unha".

Segundo Agadei, aínda que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, confirmou o luns pola noite que os centros debían abrir o martes, aínda que fose sen actividade lectiva, pola mañá a Consellería de Política Social comunicoulles que debían permanecer pechadas, "tanto as propias da Xunta como as privadas en xeral", e que as direccións se pasasen polas instalacións para poder informar as familias se non coñecían as medidas. Con todo, nunha rolda de prensa posterior, o presidente galego afirmaba que todas as escolas debían abrir con normalidade unha vez estaba restablecido a subministración eléctrica na maior parte do territorio.

"SENTIDO COMÚN"

Agadei pide "desculpas ás familias" que se visen afectadas polo peche dos centros privados e asegura que esta decisión eran "ordes que chegaban desde as administracións", pero que tamén era por "sentido común", xa que "non teñen maior interese en permanecer pechadas salvo para salvagardar o interese dos usuarios". A asociación esgrime que o funcionamento dunha escola "non é tan sinxelo como poida parecer", e que "quizais os políticos á fronte das administracións non se dean conta da complexidade que encerra a apertura ou o peche dun centro". Tamén sindicatos das escolas infantís denuncian "o caos" que foi a xestión durante as horas do luns e o martes, tanto para os traballadores como para as familias.

RESIDENCIAS PRIVADAS

Semellantes reclamación fan os representantes dos traballadores sobre as residencias de maiores privadas, onde tamén se viviu "precariedade, improvisación e caos" co apagamento, especialmente o propio luns. Segundo un comunicado da CIG, houbo usuarios que quedaron "sen respiradores", outros que non puideron saír dos seus cuartos e outros que non puideron entrar neles, polo que "tiveron que durmir en colchóns no chan". A central nacionalista denuncia a "precaridade" destes centros pola falta de persoal e medios, carencias todas elas que se fan "evidentes" en crises como a do pasado luns ou como a pandemia da covid-19. Así mesmo, a CIG denuncia que a Xunta fai "oídos xordos" ante estas reivindicacións e os traballadores trasladan o seu "malestar" porque o presidente asegurou --di o sindicato-- que "practicamente non se rexistrou ningun incidencia" en residencias e centros de día.

Fontes do sindicato consultadas por Europa Press recoñece que estas carencias detectadas nos centros privados --tamén nos que funcionan con concesión-- non se repetiron nos públicos, onde "case non houbo ningún problema" ao dispor todos eles de xerador propio. Segundo relatan voces sindicais, houbo residencias que viviron "un desenfreo" a nivel laboral e que, chegadas as 17.00 horas do luns, deitaron aos usuarios tras darlles para cear "leite e un sandwich". Así as cousas, o sindicato expresa no comunicado que "entende o excepcional da situación", pero lembra que os traballadores están en loita "por un convenio digno" e a mellora das súas condicións laborais e salariais. De feito, os próximos días 7 e 21 de maio haberá novas xornadas de folga.

As rúas da cidade sen luz durante o apagamento, a 28 de abril de 2025, en Vigo
As rúas da cidade sen luz durante o apagamento, a 28 de abril de 2025, en Vigo | Fonte: Alberto Paredes - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta