Cando a electricidade é cuestión de vida ou morte: centos de pacientes electrodependentes e con diálese a domicilio

En Galicia non hai un rexistro actualizado de persoas electrodependentes que permita ás compañías eléctricas ou aos servizos de emerxencia priorizar a súa atención en caso de apagamento. É vital que as Administracións deseñen medidas específicas para protexer a estes pacientes, xa sexa mediante a dotación de xeradores, baterías de respaldo ou sistemas de aviso prioritario para situacións de corte de luz.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 30/04/2025 | Actualizada ás 21:51

Comparte esta noticia

O pasado luns 28 de abril Galicia, ao igual que o resto de España e Portugal, sumiuse na escuridade debido ao xa nomeado 'gran apagamento', unha falla de subministración eléctrica que afectou a todo o territorio galego, sen excepcións. Para moitos, foi unha molestia temporal --neveiras apagadas, móbiles sen batería, unha noite a escuras...--, algo que despois de máis de 10 longas horas se arranxou; pero, para outros, foi moito máis que un contratempo, supuxo unha ameaza directa á súa supervivencia. A mostra máis clara disto foi a traxedia de Taboadela, onde tres membros dunha familia perderon a vida pola inhalación de monóxido de carbono derivado do mal funcionamento dun xerador co que intentaban manter conectado o respirador que usaba un ancián de 81 anos. Este tráxico incidente pon de manifesto unha realidade que a miúdo pasa desapercibida: a vulnerabilidade dos pacientes que dependen de dispositivos médicos eléctricos nos seus fogares ante este tipo de sucesos, nunca antes vistos con semellante magnitude.

Respirador
Respirador | Fonte: Commons - Arquivo

En Galicia, o modelo de atención sanitaria evolucionou nos últimos anos cara a hospitalización a domicilio, permitindo que pacientes con enfermidades crónicas, patoloxías avanzadas ou necesidades complexas reciban coidados médicos continuados nos seus fogares, sen necesidade de permanecer ingresados en hospitais. Segundo datos trasladados polo propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no 2024 arredor dunhas 7.000 persoas recibiron atención a través do sistema de hospitalización a domicilio, unha cifra que amosa unha tendencia crecente, impulsada polo avellentamento da poboación e polo esforzo por optimizar recursos sanitarios. A eles habería que sumar os pacientes que realizan diálese domiciliaria, un tratamento que depende da electricidade e que, só no 2023, afectou a 321 galegos; e aqueles pacientes que se atopan inmobilizados nos seus domicilios e para os que no 2023 se realizaron 189.000 visitas. Ademais, o Plan Galego de Atención Domiciliaria en Atención Primaria beneficiou a preto de 416.000 pacientes, brindando coidados, seguemento e atención humana. Este enfoque é especialmente relevante en zonas rurais, onde o acceso a centros de saúde pode ser máis limitado.

Un grupo particularmente vulnerable dentro desta poboación hospitalizada a domicilio son os pacientes electrodependentes, aqueles que requiren de dispositivos como concentradores de osíxeno, respiradores, bombas de infusión ou cadeiras de rodas monitorizadas para poder manter as súas funcións vitais básicas. Durante o apagamento, moitos deles enfrontaron situacións críticas, sen enerxía para soster os aparellos que lles permiten vivir. Nalgúns casos, as familias recorreron a solucións improvisadas e desesperadas, como conectar os equipos médicos a baterías de coches ou tentar mantelos funcionando mediante o uso de vehículos adaptados como fonte de electricidade temporal. Estas situacións, sen embargo, conlevan importantes riscos e non sempre garanten unha subministración estable nin segura. A situación agrávase aínda máis pola falta de regulacións específicas que protexan aos pacientes electrodependentes en situacións de emerxencia eléctrica. A día de hoxe, en Galicia, aínda non existe un marco legal que garanta a subministración eléctrica continua para estes pacientes ou que lles proporcione asistencia en situacións de emerxencia.

Outro grave problema asociado a todo o anterior é que en Galicia tampouco hai un rexistro actualizado de persoas electrodependentes que permita ás compañías eléctricas ou aos servizos de emerxencia priorizar a súa atención en caso de apagamento. Non hai cifras oficiais a nivel do noso territorio, pero, a nivel nacional, asociacións de pacientes estiman que no conxunto de España hai arredor de 3 millóns de persoas que dependen de dispositivos eléctricos para manter funcións vitais, como respiradores, concentradores de osíxeno ou bombas de infusión. Tendo en conta que Galicia conta cunha das poboacións máis avellentadas do Estado español, podemos supoñer que a cifra de pacientes galegos dentro dese total é elevada. Ademais, o Defensor do Pobo instou en varias ocasións ao Goberno central a establecer unha normativa que garanta a subministración continua para estes pacientes, aínda que polo de agora non se teñen implementado medidas concretas, nin en España nin en Galicia.

O caso de Taboadela non é un incidente illado, senón un chamado de atención sobre a necesidade urxente de establecer protocolos de emerxencia e sistemas de respaldo para os pacientes que dependen da electricidade para sobrevivir. Miles de galegos, moitos deles en aldeas e pequenas vilas rurais, viven conectados a dispositivos médicos imprescindibles, como respiradores, concentradores de osíxeno e bombas de alimentación, sen dispoñer nas súas casas de xeradores de emerxencia nin de plans de continxencia efectivos. O apagamento do luns deixou claro que non chega con confiar en que a subministración eléctrica será estable: é vital que as Administracións deseñen medidas específicas para protexer a estes pacientes, xa sexa mediante a dotación de xeradores, baterías de respaldo ou sistemas de aviso prioritario para situacións de corte de luz. Cada minuto que pasen sen corrente pode marcar a diferenza entre a vida e a morte para quen dependen dunha máquina para respirar, alimentarse ou manter funcións vitais. Galicia, avellentada e dispersa, precisa actuar xa para que traxedias como a de Taboadela non se repitan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta