A Xunta reclama os 370 millóns que aínda lle "debe" o Goberno

A Consellería de Facenda interpreta que, "se agora non hai impedimento legal" para pagar as entregas a conta, "non pode habelo para pagar toda a débeda".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2019 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

O Goberno galego lamentou este venres, tras a autorización das entregas a conta, que se "confirme" o que "viña anunciando nas últimas semanas": que o Executivo central "só vai pagar menos da metade da débeda que ten con Galicia". A Xunta reclama os 370 millóns que aínda lle "debe" e urxe a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF).

"Insistimos en que a Galicia lle deben 700 millóns de euros e non aceptamos outra solución que pagar todo o importe que lle deben a esta comunidade", sinala, na resposta difundida pola Consellería de Facenda tras a decisión do Goberno de Pedro Sánchez.

Facenda interpreta que, "se agora non hai impedimento legal" para pagar as entregas a conta, "non pode habelo para pagar toda a débeda: a mensualidade do IVE que pagaron os galegos en decembro de 2017, e que por tanto é diñeiro dos galegos, así como os incentivos polo cumprimento dos obxectivos fiscais".

Por tanto, remarcou que "seguen faltando 370 millóns de euros que son de todos os galegos, 200 dos cales están no orzamento en vigor". Segundo a Xunta, ratifícase tamén que o Goberno central "estaba a bloquear un diñeiro que é de todos os galegos e que si era posible transferilos ás comunidades", cuestión que o Executivo estatal "negou durante meses e agora rectifica só parcialmente".

CPFF

"A ministra incumpre a promesa que lle fixo ao presidente da Xunta en agosto de 2018, cando se comprometeu a transferir as 12 mensualidades do IVE e non só 11", engadiu.

Por todo iso, a Xunta volveu a esixir a convocatoria "inmediata" do CPFF, "que leva 14 meses bloqueado polo Goberno". O obxectivo deste encontro sería que o Executivo explique as razóns para non transferir ás comunidades "a totalidade do diñeiro" que lles corresponde.

Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda
Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta