Sanidade inicia este luns a campaña de vacinación da gripe con 615.000 doses

Inclúe como grupo de risco aos nenos de entre seis meses de idade que naceron prematuros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2019 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) iniciará este luns, 14 de outubro, a campaña de vacinación antigripal da tempada actual con 615.000 doses. A campaña de vacinación da gripe 2019 prolongarase ata o 27 de decembro. Unha semana antes, o pasado día 7, xa puideron empezar a recibir a dose o persoal sanitario.

En total, Sanidade adquiriu 615.000 doses de vacinas antigripais, 7.000 máis que en 2018 e destinou un orzamento duns 3,4 millóns, o que supón 1,2 máis que o ano pasado. A Consellería de Sanidade espera aumentar a cobertura coa campaña antigripal xa que, lembra, "a gripe afecta cada ano a un número elevado de persoas" e trátase dunha enfermidade que "pode chegar a ser moi ou grave ou fatal".

A Consellería aspira a alcanzar unha cobertura na poboación de 60 a 64 anos igual ou superior ao 35%; nos maiores de 65 anos igual ou maior do 65% e do 50% ou máis nos traballadores sanitarios do Sergas e igual ou superior ao 55% (15 puntos máis que na pasada campaña) nas mulleres embarazadas.

Entre as novidades, Galicia será a primeira autonomía en administrar nesta campaña unha vacina tetracelular a persoas de 15 a 64 anos con factores de risco. Do total de doses adquiridas, 20.000 corresponden á tetravalente de cultivo en ovo, 165.000 á tetravalente de cultivo celular e 430.000 de trivalente adxuvada, o que supón 180.000 máis que o ano pasado.

POBOACIÓN DIANA

Outra das novidades radica na ampliación da poboación diana coa inclusión como grupo de risco aos nenos de entre seis meses de idade que naceron prematuros, con menos de 32 semanas de xestación, e a incorporación explícita das persoas con trastornos de coagulación.

En especial, Sanidade fixo fincapé na importancia de que se vacine o persoal do Sergas, así como os traballadores sanitarios de hospitais privados de Galicia, que se inclúen na poboación diana deste ano.

Sanidade dispuxo máis de 900 puntos de vacinación e chama a acudir de forma graduada durante a campaña, que se prolongará ata o 27 de decembro.

Vacina da gripe
Vacina da gripe | Fonte: Xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta