Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 13/10/2019 | Actualizada ás 16:49
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, avisou do "perigo" que podería supor para a sociedade española un Goberno de PP, Cs e Vox se suman maioría nas próximas eleccións xerais, unha situación que só pode evitarse "mobilizando a lume de carozo" á cidadanía e concentrando "o voto útil" no PSOE.
Caballero destacou este domingo nun mitin dos socialistas en Ourense que "a única alternativa á dereita rancia e caciquil de España" é o "modelo de progreso" que ofrece o partido socialista e que o 10 de novembro "revalidará" e mellorará os resultados do pasado 28 de abril.
Con todo, sinalou que ninguén pode "permitirse o luxo" de non ir votar e que, "por un mínimo de desafección" non se pode "xogar co futuro" do país. Por iso "hai que porse as pilas desde xa", recalcou, á vez que situou ao seu partido "como a mellor defensa" para apostar pola sanidade, a educación e o estado de benestar.
Ademais, reiterou as reivindicacións das que tamén falou a ministra Isabel Celaá neste encontro, sobre a subida do salario mínimo interprofesional, as bolsas en educación ou a aposta pola dependencia.
POLÍTICA DE CAMALEÓN
Con ningunha desas medidas está de acordo nin a dereita nin a ultradereita, reprochou Caballero na súa intervención. Na mesma, tamén sinalou "ao líder da ultradereita sen complexos", Santiago Abascal, que non dubidou en declararse "contrario ao dereito ao aborto", "nega a violencia de xénero e carga contra o modelo de convivencia do Estado".
Ao seu lado, recalca Caballero, atópase a "política de camaleón do PP e Ciudadanos", que se postulan como "centro" ideolóxico pero "gobernan coa ultradereita" naquelas administracións nas que "lles dan as contas".
CRÍTICAS A FEIJÓO
As súas críticas tamén se dirixiron ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a súa "política de confrontación" co Goberno de Pedro Sánchez. "Trata de tapar a súa mala xestión" con "continuas mentiras", engadiu.
Neste sentido, Caballero reprochou que o xefe do Goberno galego poña os intereses do seu partido por encima dos de Galicia e fale de "convivencia e centralidade" cando el mesmo manifestou no Debate de Estado de Autonomía "concentrar os votos do Vox no PP" e mantén un "discurso ultraconservador" que non se distancia dos de Pablo Casado ou Cayetana Álvarez de Toledo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.