O PP rexeita a ILP da CIG para recuperar as centrais hidroeléctricas cando remate a súa concesión

Os populares aseguran que a proposta se asenta na "demagoxia" e non en "criterios técnicos", polo que avanzou a oposición do seu grupo a unha iniciativa "inviable" e que non tería "rendibilidade" económica.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2019 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

Os votos do grupo maioritario, o PPdeG, tombaron a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola central nacionalista CIG que reclamaba que a Administración autonómica asumise a xestión das centrais hidroeléctricas unha vez finalizada a súa concesión, proposición que contou co respaldo da oposición na Cámara.

A iniciativa, para a que a CIG solicitou máis de 13.000 firmas, foi debatida durante a sesión plenaria que arrincou na mañá deste martes no Pazo do Hórreo. Finalmente, a pesar de contar cos votos a favor dos grupos da oposición --PSdeG, Común da Esquerda, BNG e mixto--, a proposta foi rexeitada pola postura do Partido Popular.

A deputada popular Marta Nóvoa asegurou que a proposta se asenta na "demagoxia" e non en "criterios técnicos", polo que avanzou a oposición do seu grupo a unha iniciativa "inviable" e que non tería "rendibilidade" económica poi só se recuperarán as centrais que pertencen á confederación hidrográfica Galicia-Costa, cuxos encoros xestiona a Xunta a través de Augas de Galicia.

Antes, o encargado de defender a iniciativa foi Fernando Branco Parga, cuxo pasado como deputado autonómico do BNG foi lembrado pola parlamentaria do PPdeG Marta Nóvoa. Branco Parga incidiu durante a súa exposición en que a recuperación de centrais hidroeléctricas "non é unha proposta que veña de Marte", senón decisións deste tipo foron aplicada en rexións como os Pireneos.

Así mesmo, puxo o foco na opacidade de certas concesións de explotación dalgúns saltos hidroeléctricos, aspecto tamén recollido na ILP que pedía revisar as concesións "unha a unha" para coñecer os seus detalles. "Non hai que romper nada. Termínase a concesión e recupérase. Non vai contra posicións ideolóxicas nin contra o privado", incidiu Branco Parga, que puxo o acento en que se trata dunha cuestión de "vontade política".

Na súa quenda, Nóvoa criticou estes argumentos e o fondo da proposta, pois, para os populares, o número de centrais con concesión caducada ou que finaliza nos próximos, así como o volume de produción das mesmas, non xustifica a creación dunha empresa pública que se dedique á xestión destes saltos.

A continuación, durante a quenda de peche reservado aos impulsores da proposta, Branco Parga, que se mostrou molesto coa actitude sobre o estrado da deputada do PP, lamentou que os populares "neguen aos galegos" unha industria que xera "con auga caída do ceo" unha produción "de 50 euros diarios por 3 de investimento".

GRUPOS DA OPOSICIÓN

Por parte do resto de grupos con presenza na Cámara, o socialista Luís Álvarez mostrou a disposición da súa formación a unha medida que permitiría avanzar cara á transición enerxética durante a década entre 2030 e 2040, cando coinciden os prazos para a aplicación dos obxectivos para combater o cambio climático co fin das concesións dalgúns saltos hidroeléctricos.

Para Antón Sánchez (Común da Esquerda), a asunción por parte dunha empresa pública das centrais emendaría en parte "o saqueo do ben común" perpretado "con intereses alleos ao pobo galego" durante o último século, especialmente durante a ditadura franquista, remarcou antes de acusar ao PP de ser "colaborador necesario deste espolio". "O PP é fiel á historia do seu partido, segue premiando ás súas empresas", apostilou.

"Xa sei que lles gustaría máis gobernar unha comunidade de veciños que un país. Pero o que teñen que facer é gobernar un país. Fagan algo novo", aseverou Noa Presas (BNG) nunha mensaxe ao PP, ao que convidou a apoiar unha iniciativa que non supuña "o asalto do Palacio de Inverno". Por último, Pancho Casal (grupo mixto) asegurou que a recuperación das centrais hidroeléctricas suporía "un primeiro paso" cara a lograr a transición enerxética, xa que podería empezar a aplicarse co nove centrais cuxa concesión xa expirou.

Parlamento de Galicia.
Parlamento de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta