A Xunta pide a Fomento eliminar a peaxe do tramo entre Arteixo e A Coruña da AG-55 e asumir a titulardidade

En 2016 Fomento puxo en servizo unha vía de acceso ao porto exterior da Coruña ao que os vehículos acceden a través desta autoestrada de titularidade autonómica de pago.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2019 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia pediu ao Ministerio de Fomento que se faga coa titularidade do tramo entre Arteixo e A Coruña da autoestrada autonómica AG-55 co fin de que se elimine a actual peaxe. En rolda de prensa, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, expuxeron a proposta de convenio trasladada a Fomento que buscar liberar a peaxe de Pastoriza, así como garantir o acceso ao porto exterior da Coruña.

A conselleira explicou que en 2016 Fomento puxo en servizo unha vía de acceso ao porto exterior da Coruña ao que os vehículos acceden a través da autoestrada de titularidade autonómica de pago AG-55. Para que os tráficos portuarios tivesen acceso gratuíto ás instalacións, a Xunta asinou un convenio de colaboración co Ministerio polo que este se comprometía a pagar unha peaxe en sombra para compensar á concesionaria polo paso destes vehículos.

Con todo, advirte de que ese convenio non foi renovado, de forma que actualmente 19.000 vehículos acceden ao mes á estrada de acceso ao Porto da Coruña de forma "irregular" e "sen amparo legal", en prexuízo da Administración autonómica, titular da concesión da AG-55.

De tal forma, Xunta e Concello reclaman que Fomento se faga coa titularidade deste tramo de autoestrada e conte cun acceso de acordo co que fixa a lei estatal de estradas a portos de interese xeral. Así, emprázase a destinar a dotación prevista para a prolongación do viario do porto exterior --recorrida xudicialmente polo Concello-- a eliminar esta peaxe de Pastoriza, nunha medida ademais que tería menor impacto territorial, defenden.

CUSTO

Para poder custear esta liberación da peaxe, calcúlase que se ten que indemnizar a Autoestradas de Galicia, concesionaria do viario ata 2045, con preto de 30 millóns de euros, segundo os seus cálculos. Por iso, na proposta do convenio o Concello de Arteixo comprométese a bonificar ata o máximo legal o imposto municipal de Bens Inmobles de Características Especiais (BICE) --ata o 90%-- que paga a concesionaria da autoestrada co fin de reducir o custo a afrontar polo Ministerio. Isto supón que o Concello "está disposto a pór máis de 10 millóns" para facilitar esa liberación de peaxe, asegurou este martes o rexedor.

A isto únese que a Xunta propón que o Ministerio de Fomento achegue unha contía anual de 3,81 millóns de euros durante cinco anos --entre 2020 e 2024-- para afrontar ese custo. Unha solución "moitísimo máis barata" que levar a cabo o outro viario, cunha solución "global, integral, legal e a curto prazo", asegura Ethel Vázquez.

A preguntas da prensa sobre por que esta iniciativa non se propuxo antes e faise en precampaña, Ethel Vázquez xustificou que "en privado expúxose moitas veces", de forma que a medida "non sae da chistera dun día para outro", á vez que "a concesionaria está informada".

Carlos Calvelo e Ethel Vázquez en rolda de prensa. XUNTA
Carlos Calvelo e Ethel Vázquez en rolda de prensa. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta