Igualdade subliña que a quenda de garda psicolóxica "só a poden activar" corpos de seguridade

López Abella destaca que "os programas que perduran vanse mellorando" e incide na prevención para "evitar que se acabe nos malos tratos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2019 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, subliñou este xoves que a quenda de garda psicolóxica para vítimas de violencia machista "só o poden activar corpos e forzas de seguridade" do Estado radicados en Galicia, así como Policía Autonómica e Policía Local.

Así o explicou en comisión parlamentaria a secretaria xeral en resposta a unha pregunta do grupo popular sobre a activación da quenda de garda psicolóxica para as vítimas de violencia machista, trasladada pola deputada María Ángelez García Míguez, quen insistiu en que "é necesario que as mulleres denuncien".

A parlamentaria popular criticou que "a ausencia de estabilidade política (no Goberno central) está a atrasar as reformas lexislativas contra a violencia machista". Respecto diso, subliñou que Galicia está "moi por diante destas medidas que se contemplan para o resto do Estado".

Pola súa banda, López Abella indicou que se trata dun servizo "de atención psicolóxica en sede policial" a disposición das mulleres que sofren violencia de xénero que lles permite contar con asesoramento e apoio psicolóxico desde o momento inicial de denuncia. Actívanos os corpos e forzas de seguridade a través do número 900 400 273.

Este servizo de quendas de garda especializada en violencia de xénero actívase fóra de horario dos servizos sociais normalizados, e está operativo as 24 horas do día, os sete días da semana, 365 días ao ano.

TOMAR DECISIÓNS

Esta iniciativa, lembrou a secretaria xeral, enmárcase no convenio subscrito o pasado mes de abril entre o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, destinada á atención psicolóxica "para mulleres vítimas da violencia de xénero e os seus fillos menores" e "ten carácter inmediato", apostilou.

A secretaria xeral puntualizou que este servizo ten como obxectivo detectar as necesidades psicolóxicas da persoa en situación de violencia de xénero e axudarlle a entender e visibilizar tamén a dos seus fillos, facilitar a súa cobertura, previr a posibilidade de victimización secundaria, buscar a coordinación co resto de operadores que interveñan na situación e facilitarlle información sobre os recursos de axuda á súa disposición en Galicia para a toma de decisións.

PROGRAMAS

Segundo a información facilitada por Igualdade, a Xunta e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia colaboran noutros convenios para garantir a protección e asistencia das vítimas. Así, a través do programa de atención psicolóxica a mulleres e menores que sofren violencia de xénero, e de forma complementaria a outras persoas da súa contorna familiar que padezan situacións de violencia, atendéronse o ano pasado a 792 usuarios (562 mulleres, 201 menores e 29 dependentes).

Este ano, destaca Igualdade, inclúense como potenciais beneficiarias desta atención a mulleres que padezan o asasinato das súas fillas e fillos a mans do maltratador.

Pola súa banda, o programa 'Abramos o círculo', dirixido a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar atendeu a un total de 86 homes.

"Os programas que perduran no tempo vanse mellorando, sempre avanzando", sentenciou López Abella, para incidir na importancia da prevención co obxectivo de "evitar que se acabe nos malos tratos".

Susana López Abella en rolda de prensa. XUNTA
Susana López Abella en rolda de prensa. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta