Pontón culpa as forzas políticas estatais de "lastrar" a capacidade do empresariado galego

A portavoz nacional do BNG di que "é evidente que esta campaña non vai de Sánchez nin de Casado, esta campaña vai de Galicia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2019 | Actualizada ás 15:39

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou o "potencial" e a "capacidade" do empresariado galego, e lamentou que esta se ve "lastrada" pola "irrelevancia política" á que están a conducir a economía galega "as forzas estatais". "Un dos principais problemas que ten hoxe Galicia", insistiu.

Pontón nun almorzo informativo con empresarios
Pontón nun almorzo informativo con empresarios | Fonte: Europa Press

Ana Pontón mantivo este luns un encontro con empresarios da provincia de Pontevedra xunto á cabeza de lista do BNG para o Congreso pola provincia, Carme da Silva, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Nesta reunión, Carme da Silva trasladou o compromiso do BNG de ser unha "forza aliada" que vai "servir" ao tecido empresarial galego "para todas aquelas cuestións que repercutan nas súas posibilidades de crecemento" a través da representación que poida obter no Congreso dos deputados.

Neste sentido, Ana Pontón insistiu en que "Galicia necesita ter voz propia da man do BNG" xa que "os galegos e as galegas perden" cando non están en Madrid.

Por iso, a nova cita electoral do 10 de novembro preséntase como unha "grande oportunidade" para "recuperar peso político" e pór en marcha unha "axenda galega" que supoña "un futuro mellor para este país".

A portavoz do BNG insistiu en "pór o foco" nos problemas e necesidades que teñen o sector naval, as industrias electro intensivas, as infraestruturas, as peaxes da autoestrada, o saneamento das rías, porque "é evidente que esta campaña non vai de Sánchez nin de Casado, esta campaña vai de Galicia", asegurou Pontón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta