Nós Mesmas denuncia que HazteOír envía folletos con mensaxes LGTBIfóbicos ás escolas galegas

A Asociación solicitou á Consellería de Educación un posicionamento público e firme a través dun comunicado que chegue a toda a comunidade educativa, en especial ás familias, ANPAS e Escolas de Familias.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Asociación Nós Mesmas, de loita polos dereitos das mulleres LBT, vén de mostrar a través dun escrito o seu "malestar e preocupación" ante a campaña homofóbica de HazteOír nos centros educativos. Denuncian que dende o inicio do curso, os colexios de todo o Estado están recibindo cartas e folletos da entidade con mensaxes en contra da realidade LGTBI+. Esta información vai dirixida á dirección dos centros, ao profesorado, ás asociacións de ANPAS e ao propio alumado.

Imaxe de portada de '¿Sabes lo que quieren enseñarle a tu hijo en tu colegio? Las leyes de adoctrinamiento sexual', panfleto propagandístico que Hazte Oír repartiu por colexios contra a diversidade sexual.
Imaxe de portada de '¿Sabes lo que quieren enseñarle a tu hijo en tu colegio? Las leyes de adoctrinamiento sexual', panfleto propagandístico que Hazte Oír repartiu por colexios contra a diversidade sexual.

Ante esta situación, Nós Mesmas denuncia esta campaña por "atentar contra os dereitos fundamentais das persoas, o dereito á educación e a liberdade do ensino" e por "fomentar o odio cara ás persoas e familias LGTBI+". Recordan, ademais, que a difusión destes folletos incumpre a vixente lei educativa e as normativas en materia de Igualdade e Diversidade e que poden incorrer nun delito de odio.

Se ben a incidencia de devandita campaña está sendo menor en Galicia que noutras comunidades, as reaccións xa se están facendo evidentes. Nós Mesmas confía plenamente no labor e no valor docente, pero preocúpase polo "efecto" que a recepción destes folletos pode ter sobre os centros educativos e familias, e máis aínda, sobre o alumnado.

ESCRITO Á CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

"A Consellería de Educación ten a obriga de garantir que todo o alumnado, independentemente da opinión das súas familias, reciba formación en diversidade LGTBI, así como de protexer os menores da posible violencia familiar o da negación de acceso á información motivada por LGTBIfobia", reivindica Nós Mesmas. Por iso, consideran que solicitar o consentimento das familias para que elixan a educación que recibe ou non o alumnado, tal como defende a ultradereita, "contravén" o interese superior do menor, segundo o presente ordenamento xurídico español.

Xa que logo, a Asociación Nós Mesmas solicitou á Consellería de Educación un posicionamento público e firme a través dun comunicado que chegue a toda a comunidade educativa, en especial ás familias, ANPAS e Escolas. É este, entenden, a vía para afianzar os valores democráticos e erradicar calquera comportamento discriminatorio cara a comunidade LGTBI+. Ademais, subliñan a "necesidade e a obriga de formar o alumando na diversidade afectivo-sexual, familiar e de xénero".

A Asociación Nós Mesmas leva 11 anos realizando charlas formativas ao alumnado e ao profesorado da provincia de Pontevedra no marco das Xorandas de Tratamento da Diversidade Afectivo-Sexual e de Xénero nas Aulas. A terceira edición celebrarase vindeiro 30 de novembro co gallo de seguir apostando pola educación en valores de igualdade e diversidade en todas as etapas educativas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta