Faríanos así ou levarano no sangue?

“Nessas sobrelojas, salvo ao domingo pouco freqüentadas, é freqüente encontrarem-se tipos curiosos, caras sem interesse, uma série de apartes na vida”. (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 31/10/2019

Comparte esta noticia
Querido sobriño: Isto cambiouche moito! Agora non hai líderes, hai xefes políticos que, no canto de aprecialos, temos que padecelos. Xa non fan propostas porque se dedican a porfiar entre eles a ver quen pon o listón máis abaixo e, como o chan os iguala a escape, acabaron por converter a cachola nunha sorte de trado que só serve para esfuracar a codia terrestre. Como diría Rajoy, «cuanto más hondo, más profundo». Mais o único profundo que os define é esa somnolencia que tanto os aparva.
 
Uns e outros, alumnos do mesmo adestrador, acabaron por considerar o Manual da mediocridade como o seu libro de cabeceira, e así van por aí facendo os mesmos acenos e repetindo os mesmos discursos, superfluos e baleiros, ata o punto de que un ten que andar moi fino de orella, se pretende atopar o matiz que os diferenza. 
 
Todos proceden da canteira. Son funcionarios do aparato que, a base de axotar os discrepantes, conseguiron facerse amos do poleiro, trocando o partido ao que pertencen na razón da súa existencia. O fin é o de menos, o que conta é o medio e a cara. Iso é a nova política: saír nos medios con frases bonitas que ninguén entende. «Nós temos un plan para Ourense», «Lugo necesita un cambio». E, se lle preguntas cal é o plan ou en que consiste o cambio entón vénlle a carraspeira, tosen e cambian de conversa.
 
Ata que conseguiron substituír militantes por fans ou seareiros, non descansaron. O éxito non puido ser maior. Agora os seus seguidores son cuspidiños a eles: «Feijoo é un político de Estado», «Pedro Sánchez fai o que ten que facer», «O BNG é o único que ten proxecto de país». Así é como foron convertendo a política nun cóctel mediático de futboleiros e maruxeo, nunha trapeleada aborrecida que nin sequera serve para matar algo o tempo, malia que dependa dela o futuro das nosas vidas.     
 
Ah! Por moito que furguen, caro sobriño, continuarán créndose os reis do mambo mais as ideas, gústelles ou non, aínda nos pertencen. Non porque non lles sobren mañas e valor para arrincárnolas senón porque para ser como son non precisan telas. Hai que goderse con estes petulantes do nabo! Unha aperta. Lisardo Quintas Teixeira.

Mitin de peche de campaña do Partido Popular en Wizink Center, Madrid
Mitin de peche de campaña do Partido Popular en Wizink Center, Madrid | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.