Javier Maroto erixe o PP como o partido capaz de "resolver" a crise catalá e a económica

Acusa a Sánchez de ceder á "presión" do PSC e de non ser "fiable".

Por E.P. | A CORUÑA | 31/10/2019 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

O portavoz dos populares no Senado, Javier Maroto, cualificou o PP como o partido capaz de "resolver" a "crise catalá e a crise económica" se gaña as eleccións, expuxo nunha comparecencia xunto a candidatos ao Congreso e ao Senado pola Coruña e o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado.

"Estas eleccións son unha segunda oportunidade", dixo apelando a concentrar no PP o voto de "centro dereita". "Xa vimos o que sucede cando votamos de forma fraccionada", remarcou.

Mentres, criticou o posicionamento do presidente do Goberno en funcións e candidato á reelección, Pedro Sánchez, sobre a situación en Cataluña. Ao fío diso, acusouno de ceder "á mínima presión do PSOE catalán" e de "cambiar o seu discurso".

"Non é fiable", dixo despois de que o mércores Sánchez asegurase que o programa do PSOE defendería a Declaración de Barcelona, na que os socialistas defendían unha reforma constitucional para establecer un Estado federal e recoñecer o carácter plurinacional de España.

"A cabra tira ao monte", sentenciou, a este respecto. Fronte a iso, Maroto reivindicou, para a procura dunha solución en Cataluña, un PP "cunha posición moderada, pero contundente".

Nos mesmos termos referiuse á desaceleración económica e a crise que vaticinan os expertos. "Os socialistas son unha fábrica de crear parados e por iso necesitamos concentrar o esforzo", dixo apelando de novo ao electorado de centro dereita. "Votar con 'sentidiño'", dixo aproveitando a súa presenza en Galicia.

CAMPAÑA EN REDES SOCIAIS

Por outra banda, preguntado pola súa opinión en relación a unha campaña que habería en redes sociais apelando á abstención na esquerda, Maroto dixo non coñecelo "en detalle", engadiu ao ser cuestionado se tiña constancia de que fose de alguén da contorna dos populares.

"En todos os círculos se fala de como quitar a Sánchez da Moncloa", engadiu ao apelar de novo ao voto dos cidadáns que nos anteriores comicios apoiaron a Ciudadanos e a Vox. "Hai que sacar a Sánchez", insistiu, asegurando que isto é o que hai que explicar "á xente".

UN PP, QUE SAE A "GAÑAR"

Na comparecencia, xunto ao candidato ao Senado pola Coruña, Miguel Lorenzo, e as candidatas ao Congreso, Tristana Morelajea e Valentina Martínez, tamén interveu o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, recalcou que o PP "sae a gañar".

Para iso, apelou aos que votaron ao PP nas eleccións de abril; aos que optaron por Ciudadanos e Vox e aos "socialistas moderados". "Sánchez é un mal presidente para España e para Galicia", sinalou denunciando un recorte no investimento do 30% no orzamento dos socialistas para esta autonomía.

O portavoz do PP no Senado, Javier Maroto, xunto a candidatos ao Congreso e o Senado pola Coruña e o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado. PP
O portavoz do PP no Senado, Javier Maroto, xunto a candidatos ao Congreso e o Senado pola Coruña e o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado. PP | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta