Están cambiando os costumes para os días de Todos os Santos e Defuntos?

As cerimonias civís van abrindo paso entre as relixiosas para os enterros. Agora somos máis reservados e as cerimonias son máis íntimas. Mesmo a idea dun cemiterio pode variar moito e converterse nun espazo para crear comunidade. Todos os Santos e Defuntos tamén van cambiando co paso do tempo.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 01/11/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O recollemento, o silencio, os actos relixiosos, a limpeza e colocación de flores nas tumbas dos familiares falecidos, son elementos que definen a asistencia aos cemiterios os días de Todos os Santos e o Día de Defuntos. Existe toda unha cerimonia cos seus ritos, pasos previos e momentos culminantes dentro destes dous días marcados no calendario. E como todos os ritos, hai un lugar onde se celebra, o cemiterio.

Cemiterio de San Froilán, en Lugo
Cemiterio de San Froilán, en Lugo | Fonte: turismogalicia.blogspot.com

Os días de Todos os Santos e de Defuntos foron cambiando cos tempos, o mesmo que está acontecendo cos cemiterios. Así, como elementos patrimoniais, algúns están sendo “revalorizados” como espazos máis próximos á comunidade sen perder a esencia do que é un lugar onde repousan quen xa non está con nós.

O CEMITERIO XA NON É O QUE ERA

O cemiterio de Matamá pode ser un dos exemplos máis destacables de como os “camposantos” poden transformarse en espazos que, ademais do uso para o que foron creados, tamén poden ser espazos onde se podan levar adiante actividades para a comunidade. Alfonso Alonso Rodríguez é membro da Asociación do Cemiterio de Matamá e explica brevemente que o cemiterio “naceu como un cemiterio propiedade dos veciños, logo a Igrexa rexistrouno ao seu nome, mais en 1996 recuperouse para a veciñanza”.

A recuperación da “boa xestión, adaptar o lugar para dar accesibilidade a todos e todas, e o saneamento do espazo” foron os primeiros pasos da Asociación para cambiarlle a cara ao camposanto. “Recuperamos os lugares máis emblemáticos, como o panteón de Eduardo Alonso, unha doazón de 1926, e levamos adiante a rehabilitación integral da capela”. O caso era poder “darlle vida ao cemiterio, aínda que pareza unha contradición, pero imos dándolle outros usos como actividades para todos os veciños e veciñas”.

As actividades ás que se refire Alfonso Alonso, son agora mesmo “unha exposición da Escola de Canteiros de Ponteveda que se chama “De Pedra” e que ten dezaseis obras, tamén demos hai pouco cursos de arte floral e facemos tamén charlas como as de asesoramento en saúde para a xente maior”.

Serafín Saavedra, un dos responsables do Cemiterio Municipal de San Froilán en Lugo, describe como estes lugares tamén reflicten os cambios sociais e as actitudes de cara os días de Todos os Santos e o Día de Defuntos. “Antes, hai décadas, as persoas acudían a limpar e preparar as tumbas e os nichos nada máis acababan as festas do San Froilán, agora veñen na última semana a poucos días das datas de Santos e Defuntos”. Outro elemento que tamén cambiou moito é “o ruído dos cepillos e das persoas limpando, porque eran moitas persoas, hoxe en día xa non se fai tanto, mais o que si se fai é a colocación de moita flor”.

CAMBIOS EN HÁBITOS

O enterramento das persoas tamén vai mostranto cambios co paso dos anos. “A día de hoxe vai gañando peso a incineración fronte a inhumación, esta última creaba ás veces o problema de falta de espazo, agora a cousa está indo ao revés” declara Alfonso Alonso desde Matamá. En Lugo a incineración “vai subindo tamén, a pesar de que aquí os cambios van máis amodo” di Serafín Saavedra. Jorge Balado, da Asociación Provincial de Empresarios de Servizos Funerarios (APREFU) da provincia de Lugo, tamén apunta que “as cerimonias civís van aumentando e tamén o feito de que algunhas familias esparexan as cinsas dos seus defuntos”.

Outro elemento que vai cambiando son as flores que se depositan para enfeitar os lugares de soterramento. “Hoxe por hoxe, a flor máis solicitada é o crisantemo polo seu prezo máis económico” di Jorge Balado. “Aínda se segue comprando cravo e máis margarida” di Balado que tamén engade “os centros de flores evolucionaron no seu aspecto, con todo, a xente hoxe en día merca máis plantas fronte ao ramo ou o centro”.

“Tamén antes se usaba moito a flor prefabricada e había centros de flores que deixaban ver un investimento de diñeiro importante” di Serafín Saavedra. Querer deixar o mellor ramo ou as mellores composicións florais, é tamén un dos costumes máis ligados aos días de Santos e de Difuntos, como se houbese unha “competencia”. “Iso vai dentro de cada un, cando hai algo para comparar, hai quen quere destacar” di Alfonso Alonso.

A pesar diso, non se pode negar unha certa solidariedade dentro dos cemiterios durante a limpeza e adorno das tumbas. Intercambio de ferramentas, grupos de persoas que poden facer quendas anuais para limpar un número determinado de sepulturas ou a simple interacción social, ás veces son consustanciais a todo o conxunto de tarefas desenvolvidas polas familias para os dous primeiros días de novembro. “Si, si que se dá esa solidariedade, son momentos de boa sintonía entre as persoas” di Jorge Balado.

A EXPRESIÓN DA DOR

“Somos un cemiterio aconfesional, con todo, temos unha zona habilitada por se hai algunha cerimonia relixiosa” di Alfonso Alonso. “Este cemiterio é aconfesional, é de titularidade municipal, os actor relixiosos católicos xa non son tantos, mais os que hai son concorridos, outras confesións non adoitan mostrarse moito” di Serafín Saavedra.

A expresividade ou a demostración do dó ante a morte dun ser próximo, ten cambiado tamén? Mostramos da mesma maneira que hai tempo os sentimentos ante a persoa falecida, mesmo anos despois? “A sensibilidade cara a morte segue sendo a mesma” sinala Saavedra, “mais hoxe en día procuramos ser menos expresivos, hai xente que leva lentes escuras para non mostrar as lágrimas, é todo máis íntimo”.

“Non vexo tanta diferenza entre a xente nova e a máis maior en canto a súa presenza nun enterro” di Jorge Balado. “Ás veces, se se enterra unha persoa nova, parece que é máis concorrido, non obstante, as diferenzas non son moi notables”. Para Serafín Saavedra hai algunhas pegadas que xa se deixan sentir, “pode haber cambios no concepto da morte, cambios nos costumes, xa digo agora hai menos cerimonias relixiosos e á parte, a visita continua ao cemiterio non é tan frecuente hoxe en día”.

A cuestión é que para a maioría de persoas consultadas, estas datas e o que levan parello, non desaparecerán. Mudarán costumes, actitudes e formas de conmemorar estes días. E por suposto, cambiarán algúns aspectos tanto físicos como sociais, dos camposantos onde están enterrados devanceiros de cada quen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta