Catas e actividades artísticas para promocionar o Ribeiro

Trátase do ciclo "Cata a Arte", unha actividade que combina a presentación de viños da D.O. máis antiga de Galicia con accións culturais como poesía, monólogos, maxia e música. Esta será a sexta edición e desenvolverase os xoves do mes de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.

Por X.M. Fernández | Ourense | 02/11/2019 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A iniciativa deste programa de promoción do viño da D.O. Ribeiro e as súas adegas parte do Consello Regulador e conta coa colaboración da Deputación de Ourense e do Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. Na edición de "Cata a Arte" deste ano serán as catro adegas participantes as que xestionen a programación do evento contactando cada unha delas cos artistas que consideren para complementar a presentación da adega e a cata dos seus mellores viños. 

Cartel do ciclo
Cartel do ciclo

Na presentación do 31 de outubro participaron o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara, o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Armando Ojea e a coordinadora de programas en Cáritas Diocesana de Ourense, Mari Carmen Alonso.

As catas terán un carácter solidario, como en anos anteriores. O  C.R.D.O. Ribeiro colaborará coa organización Cáritas Diocesana de Ourense, polo que nesta sexta edición, solicitarase aos asistentes un donativo a favor desta entidade que abarca  diferentes ámbitos de actuación, dende programas de acollida, vivenda, infancia, etc. ata múltiples proxectos de voluntariado ou acción e dinamización social.

CATAS E ACCIÓNS CULTURAIS 

As catas comezarán o vindeiro xoves, 7 de novembro, e continuarán durante todos os xoves ata finais de mes. Arco da Vella a Adega de Eladio será a que arrincará co ciclo, realizará unha degustación do seu viño branco Torques do Castro e do tinto Tarabelo, acompañada dun recitado de poemas á viña e ao viño cos poetas Armando González López, Pepa Álvarez Gómez e Benito Eladio Rodríguez Fernández.

Presentación 'Cata a Arte' no Centro Cultural Marcos Valcárdel de Ourense. Foto: Prensa CRDO Ribeiro
Presentación 'Cata a Arte' no Centro Cultural Marcos Valcárdel de Ourense. Foto: Prensa CRDO Ribeiro

O 14 de novembro será o momento da cata da Adega Catro Parroquias, que presentará os seus viños Catro Parroquias e Viña Leda, arroupados polo monólogo “Galego pode selo calquera…” do humorista e actor Alberte Montes.

O 21 de novembro continuaremos coa cata de Nairoa que presentará os viños brancos Alberte e Val de Nairoa e ao son country e folk do grupo Os Forasteiros.

E para rematar esta sexta edición, o broche final poñerao o 28 de novembro a Bodega Alanís, que fará unha degustación do seu viño Gran Alanís 2018 en harmonía coa música jazz do grupo carballinés 4Mal Quartet Jazz.

A estrutura de cada evento será a seguinte: 

Entre ás 20:00 e as 20:15 h. procederase á recepción de asistentes.

Das 20:15 ás 20:30 h. farase unha introducción con persoal do C.R.D.O. Ribeiro e do Centro Cultural Marcos Valcárcel.

De 20:30 a 21:30 h. presentación da adega e a súa filosofía, cata de viños ou degustación libre con persoal da propia adega.

Ás 21:30 h. actuación.

22:00 h. final do evento e peche de portas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta