A Fiscalía no caso Angrois pide investigar o suposto borrado de datos de "avarías críticas" por parte de Talgo

O fiscal non se opón a que se reabra a instrución por mor da información achegada ás vítimas por un mecánico.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2019 | Actualizada ás 17:18

Comparte esta noticia

A Fiscalía estima "necesario" que haxa unha investigación para, "no seu caso, determinar a relevancia causal no accidente" do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) do borrado de "avarías críticas" por parte de Talgo que denuncia un extraballador desta empresa ferroviaria.

Accidente do tren Alvia en Angrois (Santiago) o 24 de xullo de 2013
Accidente do tren Alvia en Angrois (Santiago) o 24 de xullo de 2013 | Fonte: Europa Press

A través dun escrito, con data do pasado 17 de outubro e que tivo entrada ao día seguinte, o fiscal, Mario Piñeiro, pronúnciase deste xeito tras a información achegada pola representación da plataforma de vítimas, que a finais de outubro entregou ao xuíz e á Audiencia unha declaración xurada deste mecánico.

Na declaración xurada, o técnico, extraballador de Talgo, asegura que directivos desta compañía ordenaron borrar da base de datos "todas as avarías" detectadas no convoi sinistrado o 24 de xullo de 2013 transcorrida unha media hora do descarrilamento.

Pola súa banda, Talgo asegurou que a declaración deste técnico, que foi despedido o 28 de maio de 2018, "é falsa" e que "é tecnicamente imposible eliminar" os datos sobre avarías.

No accidente morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas. O titular do xulgado número 3 de Santiago que instruíu a causa pechou a investigación con dous imputados: o maquinista e o ex-xefe de seguridade de Adif, ambos por 80 supostos delitos de homicidio e 144 de lesións por imprudencia profesional grave.

PENDENTES DA AUDIENCIA

O fiscal apunta agora que non ten "nada que opor" a que "se deixe sen efecto o auto de conclusión de previas obxecto dos múltiples recursos de apelación", e é que tanto as vítimas como o avogado do maquinista, entre outras partes, recorreron o peche da instrución, algo sobre o que a Audiencia Provincial da Coruña ten previsto resolver nos próximos días.

Non se opón a iso, segundo destaca, "a fin de investigar as 'avarías críticas' denunciadas", aínda que precisa que non entra "noutras consideracións, como o tempo transcorrido e a necesidade de instruír a causa nun prazo razoable", tendo en conta que pasaron máis de seis anos da traxedia.

Por mor da denuncia, que chegou ao xulgado e á Audiencia o pasado 24 de outubro, os maxistrados desta última suspenderon a deliberación sobre os recursos presentados ao peche da instrución.

A partir de entón, a defensa do alto cargo de Adif Andrés Cortabitarte, a quen o instrutor responsabiliza dunha avaliación de riscos deficiente sobre a liña, sostivo que a denuncia do borrado de datos sobre avarías non lle afecta "máis aló de corroborar que a instrución foi exhaustiva en canto á infraestrutura e non o foi tanto en canto ao resto de elemento que puideron incidir na produción do resultado".

Renfe dixo descoñecer "total e absolutamente os feitos" relativos á denuncia deste extraballador e o avogado do maquinista Francisco Garzón que aquel día tomou a curva da Grandeira cun exceso de velocidade advertiu do "grave" da denuncia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

agora seica á fiscalía entráronlle as présas ? todo o mundo apuntando á curva da Grandeira e ao maquinista e ninguén mirou para o TREN TALGO ? Curiosa Investigación !!! As vítimas reclaman xustiza! https://youtu.be/y9Hdo9RfdFw