Hiperhostias

Non se venden coches. Non se venden motos. Non se vende roupa. Non se venden destinos turísticos. Non se venden zapatos. Non se venden pisos. Non se venden teléfonos. Non se venden plans de pensións. Non se venden libros. Non se vende música. Non se vende unha escoba. Afundímonos. Acabouse.

Por Juan Tallón | Ourense | 29/06/2012

Comparte esta noticia

 Non estabamos acostumados a isto. Mercar formaba parte do cerebro, como a serotonina, a noradrenalina ou a estupidez. De socato, sen probas, simulacros, decrecemos, estoupamos, desaparecemos. Adeus. Hai etimoloxías que non describen suficientemente a situación. Non basta dicir «crise» e crer que falamos con propiedade. Houbo unha morte de modelo. Unha crise sería unha milagre. Oxalá. Isto é outra cousa. Modifícase a relación do suxeito co presente.

O crecemento ía ser infinito, e de súpeto, o infinito acabouse. Aquela voracidade, aquela hedonización accesible a todas as capas, faleceu. Pum. No fondo, falece a era do «híper», dito nos termos de Lipovetsky. Hipercapitalismo, hiperclase, hiperpotencia, hipermercado, hiperindividualismo. Xa só é o momento das hiperhostias. 

Cando estabamos hipertrofiados, afeitos á esfera do hiperconsumismo, na que se consumía máis pola satisfacción que produce que pola posición que permitía ostentar, ocorre isto. Zas. O optimismo da compra, a vertixe das tendas, a indiferenza de abonar todo a prazos, van ser substituídos pola tristeza do aforro. Nos tempos que corren a austeridade resulta máis criminal que a guerra mesma. As bombas como moito poden acabar coas persoas. Se morre o consumo, cambalea o sistema, e o sistema son seis mil millóns de individuos máis a sofisticación capitalista que os enlaza. 
 
O consumo producía unha dixestión emocional que non proporcionará o aforro. Tal vez consumiamos sen criterio pero, e que? Lembremos a Dadá, cando defendía que «o inútil constitúe o máis imprescindible». Normal que esteamos desolados. Antes viviamos endebedados, uns altamente, outros por completo, pero consumiamos. Era como existir á marxe da realidade, pero todos felices. Cal era o problema de vivir por riba das nosas posibilidades? Morrer nalgún momento por riba das nosas posibilidades? Vaia cousa. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Juan Tallón Juan Tallón (Ourense, 1975) estudou Filosofía. Traballou no campo do xornalismo, pero saíu escaldado. Mal se ten que dar todo para que volva. Agora mesmo, anda por aí, ao seu aire. Non ten teorías, nin métodos. É autor das novelas A pregunta perfecta (o caso Aira-Bolaño) e A autopsia da novela. Entre outros, obtivo os premios Modesto R. Figueiredo de relatos e Pastor Díaz de novela. Mantén os blogs probemosconveleno.com e descartemosorevolver.com.