É mellor ser segundo

Un actor protagonista é alguén do que, en última instancia, se pode prescindir. Só é unha estrela, é dicir, alguén que transmite a idea de que sen el non hai relato posible. Pero hai. Pasa que aínda non estamos convencidos de que o espazo que separa o primeiro do segundo lugar é irreal. Eu manteño a teoría –chamémoslle, se queremos, gilipollez– de que os personaxes secundarios son, secretamente, os protagonistas.

Por Juan Tallón | Ourense | 17/07/2012

Comparte esta noticia

Ninguén con dous dedos de fronte diría alegremente que Ernest Borgnine foi un actor secundario. Pero foino. Pero non o foi. Hai individuos o suficientemente intelixentes como para non caer no erro de carrexar coa gloria e eclipsar ás estrelas. O xenio, cando o considera conveniente, ocúltase. A fama, en cambio, explora a luz e constrúese como mentira, e o individuo que queda segundo, sábeo. De aí que fuxa cara a atrás, onde a sombra non lle permite ver ao espectador que vén despois da vitoria. Calquera paciencia que algunha vez puido aniñar nas persoas, desapareceu por completo, e toda a espera posible chega até a coroación do campión. O resto é invisible. Ou peor, o que sucede no tempo á vitoria non pasou. Hai nesa manobra de ficar un paso por detrás do gañador un compoñente estratéxico elevadísimo. Falo dun movemento que non desencadea efectos inmediatos, unha xogada que, como no xadrez, está pensada para que produza efectos moi posteriores ao acto en si. 

Quedar segundo forma parte dunha táctica que está pensada para transcender ao reparto da gloria. Precisamente a gloria é unha explosión que só interesa ao gañador, que, por desgraza para el, queda desdebuxado no intre que toda a luz da fama se proxecta sobre a súa figura. Ese golpe de flashes produce o efecto dun incendio interior. Nese instante fugaz parece non advertirse, pero pouco a pouco comprobarase que o gañador é o desaparecido, o derrotado total, o individuo que sucumbiu á embriaguez do primeiro posto. O secundario, porén, resiste sen desgaste o proceso de sometemento ás horas, os días, os anos, a historia. Ese é o trunfo. Ás veces penso en Onetti e no feliz que debeu ser cando Juntacadáveres ficou segunda, por detrás de A casa verde, de Vargas Llosa, na convocatoria do Premio Rómulo Gallegos de novela no 1967.
Pero talvez o cine sexa a tarefa humana que mellor amosa o valor, por dicilo así, do espírito secundario. En primeira lectura, as historias que toda película relata están construídas sobre personaxes protagonistas, heroes ou antiheroes. Curiosamente, estes só poden estar feitos desa madeira sobre a existencia de personaxes secundarios, en aparencia invisibles, terciarios, pero que en segunda lectura, se desaparecesen farían caer a calquera estrela. Salvo que esta saiba, tamén, quedar de cando en vez segunda. probemosconveleno.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Juan Tallón Juan Tallón (Ourense, 1975) estudou Filosofía. Traballou no campo do xornalismo, pero saíu escaldado. Mal se ten que dar todo para que volva. Agora mesmo, anda por aí, ao seu aire. Non ten teorías, nin métodos. É autor das novelas A pregunta perfecta (o caso Aira-Bolaño) e A autopsia da novela. Entre outros, obtivo os premios Modesto R. Figueiredo de relatos e Pastor Díaz de novela. Mantén os blogs probemosconveleno.com e descartemosorevolver.com.