Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2019 | Actualizada ás 12:06
As partes personadas na causa polo asasinato da moza Diana Quer comezaron xa o proceso de selección dos nove membros e dous suplentes do xurado popular que se encargará de determinar o grao de culpabilidade de José Enrique Abuín Gey, alias 'O Chicle' neste crime.
Así o confirmaron fontes xudiciais, que precisaron que, concluído o trámite de escusas, quedaron dispoñibles 24 candidatos, polo que se iniciou o proceso de selección. Hai dúas semanas, a renuncia xustificada de varios candidatos fixo que non se alcanzase o número mínimo e fose necesario suspender o proceso.
Nesta ocasión, dos 12 candidatos adicionais seleccionados, un foi descartado por prohibición de participar no proceso, dado que coñecía persoalmente á familia da vítima. Ademais, outro deles alegou enfermidade grave e uns terceiro problemas académicos. Finalmente, un dos candidatos rexeitou participar indicando que xa participara noutro xurado popular recentemente e unha quinta persoa coñeceu en sede xudicial o falecemento dun familiar.
Agora, as partes interrogarán os candidatos un a un para determinar se poden formar parte deste órgano. Para iso, tanto acusación como defensa teñen a posibilidade de recusar ata a catro candidatos. Unha vez que se alcancen os 11 membros, quedará constituído este órgano e poderá iniciarse este martes o proceso coa declaración do único acusado e dos pais de Diana Quer.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.