Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2019 | Actualizada ás 16:32
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participará como relator no Cume do Clima que Nacións Unidas celebrará en Madrid entre os días 2 e 13 de decembro.
A concelleira de Promoción da cidade e portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, anunciou este martes que Pontevedra foi convidada oficialmente para participar neste evento que reunirá na capital española a países de todo o mundo para debater sobre a actual situación de emerxencia climática e adoptar medidas para combatela.
Pontevedra xa participara hai catro anos no último cume mundial polo clima impulsado pola ONU, celebrado en París en decembro do 2015.
Anabel Gulías destacou a "grande alegría" que supón esta invitación para o goberno municipal e recoñeceu que a noticia supuxo unha "certa sorpresa", xa que a invitación parte do Ministerio de Fomento español, cuxa subdirectora xeral de Urbanismo trasladou a invitación telefonicamente este mesmo martes, tras o que obtivo resposta afirmativa.
"Estamos gratamente sorprendidos de que Fomento pensase en nós", sinalou a portavoz do goberno municipal. "É unha boísima noticia para a cidade que cando se pensa en cidades contra o cambio climático se mire cara a Pontevedra", apostilou.
Miguel Anxo Fernández Lores participará nunha mesa redonda que analizará diferentes modelos urbanos, no marco deste Cume do Clima.
Para a edil nacionalista a transformación urbana de Pontevedra recibe esta invitación porque é vista como unha "garantía" para lograr un ecosistema urbano "máis sustentable" desde o punto de vista ecolóxico e, ademais, polos "beneficios sociais" que ten para a convivencia no "hábitat natural da xente", que son as cidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.