Todo o Parlamento galego, contra os cambios "regresivos" que planea Renfe para a conexión nocturna con Barcelona

A proposición non de lei foi presentada polo PPdeG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2019 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

Os grupos con presenza na Cámara galega apoiaron de forma unánime unha proposición non de lei presentada polo PPdeG que expresa o seu rexeitamento aos cambios "regresivos" que planea introducir Renfe nos trens da liña nocturna que conecta Galicia con Barcelona.

Tre
Tre | Fonte: Europa Press.

A iniciativa foi aprobada na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos celebrada este xoves no Parlamento de Galicia, onde os grupos reclamaron a Renfe melloras na conexión coa capital catalá.

En concreto, a deputada popular Julia Rodríguez denunciou que Renfe estuda substituír as locomotoras e vagóns destes trens por equipamentos de mercadorías, o que suporía unha diminución no servizo e a velocidade.

"É retroceder no tempo porque afectaría a confortabilidade e os tempos de viaxe. Queren levar material que xa é antigo e substituílo por outro máis antigo aínda", subliñou Rodríguez, que considero isto "un novo agravio" contra Galicia que se une "ao castigo permanente" que, di, practica o Goberno central en materia de infraestruturas.

"Benvidos ás denuncias de agravios e discriminacións contra Galicia. Unha pena que caesen do cabalo en xuño de 2018", espetou o deputado do BNG Luís Bará, na liña do expresado polo resto de grupos da oposición, que afearon ao PPdeG que "calou" durante a etapa de Mariano Rajoy e comezase a criticar ao Ministerio de Fomento tras a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa.

"Está ben que se preocupen polo tren convencional, aínda que sexa cando xa non gobernan vostedes no Estado", subliñou Marcos Cal (Común da Esquerda), que puxo o acento en que o Executivo presidido por Mariano Rajoy entre 2011 e 2018 realizou "cero investimentos" na rede ferroviaria de proximidade de Galicia.

Pola súa banda, o parlamentario socialista Luís Álvarez cargou contra os populares "por facer unha lista de agravios" e "unha falta de compromisos" por parte do Executivo central "que non existen".

Por último, Davide Rodríguez (En Marea) preguntouse "que fixo" a Xunta "para mellorar os trens de proximidade" ou mentres Renfe "decidía pechar oficinas de venda", polo que, tras sinalar que "é de xustiza" que se aposte pola rede ferroviaria, afeou a "desidia" do Goberno galego na defensa das infraestruturas galegas durante a época de Rajoy.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Imos ver. Non é que planeen poñer vagóns de mercancías para transportar pasaxeiros a Barcelona, como a noticia parece que da a entender, senón cambiar a máquina por outra. De todas formas, o tren nocturno a Barcelona, o " catalán" coma se coñece, debe ser moi rentable, e o mellor que poden facer e deixalo como está, como mínimo. As ganancias de tempo danse sobre todo ao usar a liña de alta velocidade Zaragoza - Barcelona. Hasta Astorga, por exemplo, o trazado da vía permite pasar moi poucas veces pasar dos 140 km/h ( por exemplo entre Monforte e Canabal, onde se chega aos 160 km/hora)