Así está o sector lácteo tras descubrirse a existencia dun cártel que pactaba os prezos á baixa

En 2013, a CNMC pechou unha investigación na que decretou que había un pacto nos prezos entre as grandes industrias. As perdas para os gandeiros -só neses anos- estímanse nuns 800 millóns de euros, nun país que produce o 55% do leite do estado español pero é no que máis barato se vende. De non mellorar as condicións, auguran a perda de explotacións e un novo éxodo do rural.

Por Raúl Novoa | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O sector do leite leva anos perdendo explotacións, 6.000 nos últimos 10 anos. O baixo beneficio que se obtén da leite, a competencia dos outros sectores ou o abandono do rural son algúns dos motivos. O prezo do leite apenas aumentou nos últimos anos. Unha situación que levou no 2013 á Comisión Nacional dos Mercados e Competencias (CNMC) a realizar unha macro operación na que descubriron a existencia dun cártel do leite entre empresas do sector que pactaba prezos.

Explotación gandeira galega
Explotación gandeira galega

As pérdas para os gandeiros estimáronse nuns 800 millóns de euros, tal e como asegura a Galicia Confidencial Xulio Fernández, o dinamizador da Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego "e iso, sen contar os propios beneficios das industrias".  Ante isto, a CNMC sancionou economicamente aos conglomerados empresariais cun pago de 80,6 millóns de euros, un 10% das perdas dos gandeiros. As empresas sancionadas pola creación do cártel foron Capsa Foods (Central Lechera Asturiana, Larsa...), Danone, Lactalis, Industrias Lácteas de Granada, Pascual, Nestlé, Schreiber Food, Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, Gremio de Industrias Lácteas de Cataluña e Central Lechera de Galicia.

O SLG está convencido de que "ese cártel aínda existe" e "debe ser eliminado". Para iso, conta cun equipo de avogados expertos en dereito mercantil que sería o que se encargaría, ademais, de calcular o diñeiro correspondente perdido polos gandeiros estes anos para reclamarllo ás industrias. "O certo é que as perdas dos gandeiros son moito maiores do que se pensa", indica Fernández.

Para concienciar aos traballadores do sector e co fin de unilos, o SLG está realizando campañas informativas sobre o sucedido en diversos puntos de Galicia. Xulio Fernández defende que "existe unha posibilidade de reclamación por uns cartos que non se lles pagaron aos gandeiros". A sanción económica será efectuada polo Estado, a través de Facenda. Para a recuperación do diñeiro por parte dos gandeiros, estes deben "demandar pola vía xudicial antes de que pase un ano da sanción" e así "darlles un escarmento e conseguir a xustiza que merecemos", engade.

A SITUACIÓN DO LEITE EN GALICIA

Á problemática do pacto de prezos entre o sector, súmase tamén o aumento dos custos de produción e a falta de axudas e créditos para afrontar eventuais crises. E iso, a pesar de que Galicia produce o 55% do leite do Estado Español, pero é a que máis barato o vende. Unha situación que repercute nos gandeiros: "os custes de producción aumentaron case un 50% nos últimos anos, pero non aumentaron os beneficios dos gandeiros", suliña Fernández. Esta situación fixo que ante esta precariedade e o "estrés e a ansiedade de non ver como mellora a explotación" moitos gandeiros deixasen as explotacións, chegando a desaparecer unhas 6.000 explotacións nos últimos 10 anos.

Congreso do Leite en Ordes organizado polo Sindicato Labrego Galego
Congreso do Leite en Ordes organizado polo Sindicato Labrego Galego | Fonte: SLG.

A pesar das case 7.000 explotacións gandeiras que aínda quedan en Galicia, a situación non ten pinta de mellorar. Por iso, algúns escollen cambiar a produción de leite pola de carne.  "As cousas cada vez están peor. Os bancos non axudan e falta xente traballando", sinala Xosé Manuel Fuentes, antigo gandeiro dedicado ao leite que mudou pola carne. Asegura tamén que o problema está nas axudas do Estado xa que "as levan moitas veces os que teñen máis cartos". Sobre a unión do sector para loitar contra estas inxustizas, laméntase da "difusión que padece e da difícil organización que supón".

Por outra banda, Cristina Carro, estudante de Enxeñaría Agrícola e filla de gandeiros, afirma que "os gobernos estatais e autonómicas deberían coidar máis ao sector lácteo" xa que de seguir así "moi poucas explotacións de leite quedan a 15 anos vista". Sinala tamén que de desaparecer a este ritmo o sector do leite, "aumentará o éxodo rural e, con isto, menos comunicacións, escolas e facilidades para o rural galego". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta