Existe un negocio escuro detrás da limpeza de montes na Limia?

O Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) denuncia que os desmontes masivos de matogueira na súa comarca están a estragar recursos naturais e económicos en nome da prevención contra o lume. Consideran que detrás destas accións hai un negocio que está eliminando o monte baixo, un espazo considerado de vital importancia desde a Unión Europea. As empresas de desmontes cobran grazas ás axudas que as comunidades de montes reciben desde a Consellería de Medio Rural.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 29/11/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A limpeza de montes nalgúns concellos da Limia está creando alarma entre sectores tanto ambientalistas como os vinculados á explotación do monte baixo, entre eles os apicultores. Os colectivos ecoloxistas estiman tamén que existen intereses económicos ligados ao “negocio do lume”. Neste caso, o negocio sería aproveitar as axudas que dispón a Consellería de Medio Rural para a limpeza de montes comunais. Profesionais do sector recoñecen que grazas ás subvencións hai traballo, mais rexeitan as acusacións de non actuaren de maneira ética.

Desmontes masivos
Desmontes masivos | Fonte: MEL

ONDE ESTÁ O NEGOCIO?

Manuel García considera que o abandono do rural inflúe sobre as contratacións de limpeza feitas polas comunidades de montes. “Cando saen as axudas da Consellería de Medio Rural, as empresas envían os seus comerciais para convencer aos presidentes das mancomunidades de montes, que moitas veces son persoas maiores debido ao abandono do rural”.

Pola súa parte, as empresas recoñecen que si se fai labor comercial. “Temos que facelo, porque nós non recibimos as subvencións e realmente, ese diñeiro é o que move a maior parte deste traballo” sinalan desde a Cooperativa Brañas, dedicada a limpar montes e outras tarefas relacionadas.

As axudas que Medio Rural destina para a limpeza do monte tiveron este ano un importe de 13 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A superficie que se estimou para limpar este ano foi de 7.000 hectáreas.

Desmontes masivos
Desmontes masivos | Fonte: MEL

Manuel García sinala que “o que lle pagan ás empresas de desmonte é de 450 euros por hectárea limpa, e logo cando son superficies de máis de 10 hectáreas, como hai que presentar un informe de impacto ambiental, subdividen esta superficie en varias facturas sobre diferentes extensións”. 

“O prezo vén pechado xa no contrato da subvención” din desde a cooperativa Brañas. “Nós non sabemos canto diñeiro vai para cada contrato, iso é en función de varios factores como a superficie total, a dificultade do terreo”. Tamén sinalan que “para sabermos unha aproximación dos prezos enviamos xente que vaia mirar o terreo e facemos cálculos en función dos datos que temos”.

Pola súa banda, Medio Rural declara que os cartos das axudas son en base a unhas estimacións da Consellería de acordo ao proxecto de limpeza que queren realizar os propietarios. A Consellería descoñece cal pode ser o prezo medio por hectárea que cobraría unha empresa.

DESMONTES A FEITO

O desmonte a feito elimina toda a flora deixándoa moída sobre a superficie e formando así unha capa de residuos que ao secaren, poden ser tamén un potencial combustible para o lume. “Estes restos sobre o mato cortado non permite xermolar as plantas de maneira axeitada” di Manuel García, membro do MEL.

García apunta ademais que o monte baixo, un ecosistema propio de Galicia, semellante ao outros na Unión Europea, “está reducindo a súa superficie diante dos incendios, a plantación de piñeiros e eucaliptos e o amansamento destas zonas para logo sementalas con cereal ou herba de pasto, e finalmente, acaban sendo terreos onde se esparexen os xurros das granxas industriais”.

O sector da apicultura está tamén en alerta ante os desmontes que se realizan nalgunhas áreas de Ourense, pois están perdendo a fonte de materia prima para a súa industria. Desde a Asociación Galega de Apicultores (AGA) din que “o día 14 de novembro pedimos unha reunión con Medio Rural para tratar este tema, aínda non tivemos resposta”.

“Os desmontes eliminan queiruga, xesta branca e toxo pequeño que son as plantas máis recorridas polas abellas para facer o mel”, di Jesús Asorey, presidente de AGA. “Este tipo de monte ten un alto valor ecolóxico e está protexido en países da Unión Europea” declara Asorey. “É un grande regulador da hidrografía, axuda a que os acuíferos naturais manteñan as súas reservas de auga” declara Manuel García.

Desde a Agrupación Apícola de Galicia (AIE) sinalan que fixándose no custe-beneficio, o desmonte é útil.  Mais o que non debera permitirse é a entrada da maquinaria en zonas altamente produtivas para os apicultores. AIE tamén lamenta que moitas veces sexan precisamente os montes que máis interesan os afectados polo desmonte sen que se faga o mesmo labor en faixas de seguridade ou pistas forestais.

Pola súa parte, as empresas de desmonte subliñan que a Administración xa non lles permite o seu traballo en hábitats de especial protección. “Ademais, antes de comezar calquera traballo, debemos avisar para que se faga un estudo tanto de patrimonio arqueolóxico como natural”.

A desaparición do monte baixo autóctono deixaría a paisaxe sen un dos seus elementos naturais dando paso a pastos, plantacións silvícolas e montes onde se vertan residuos, segundo organizacións ecoloxistas. As empresas de desmonte declaran que o seu traballo se cingue exclusivamente ao establecido por lei e aos orzamentos das axudas para limpeza de montes. A industria do mel teme perder superficie para o seu traballo. Por outra parte, ecoloxistas e conservacionistas din que unha maneira de preservar este hábitat é permitindo o desenvolvemento de actividades como o pastoreo que fixaría poboación en áreas que perden habitantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eueueu

MIra que hai cousas que se fan mal con respecto a plantacións, pero penso que hai pouca xente, e moi desinformada, que poda defender o que se dí. Non son desmontes , son desbroces a rasa. Estas zonas desbrozadas son moi utiles para apoiarse nos traballos de extincion de incendios, favorecendo a discontinuidade. As raices quedan, impedindo escorrentía, e nun par de anos xa está outra vez a matogueira crecida, non desaparece.