Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2019 | Actualizada ás 15:58
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu, tras a multitudinaria manifestación rexistrada o pasado sábado e entre duras críticas da oposición este mesmo luns, que os populares manteñen o seu aval á decisión de pechar o paritorio de Verín (Ourense).
"Recibimos as explicacións pertinentes e esa decisión, como todas as demais que se toman no ámbito sanitario galego, teñen un único obxectivo: garantir a saúde e a vida, neste caso das nais que dan a luz e dos seus fillos", esgrimiu o dirixente popular, quen, fronte aos rivais do PP, defendeu que "non é unha decisión política".
"Non é unha decisión política tomada por criterios económicos, senón por criterios profesionais, como defenden os xinecólogos e pediatras da área", remarcou o dirixente popular, quen suxeriu que os que critican o paso deberían "porse no lugar" de alguén a quen un médico informa de que é máis seguro un parto nunha localización que noutra, aínda que esta sexa "máis cómoda", para ver "que farían".
E é que, insistiu, "o criterio de seguridade" para as nais e os seus fillos está "por enriba de todo". Así, cargou contra a oposición e afeoulle que non pedise "desculpas" aos cargos do Sergas investigados no caso da Hepatite C, tras o arquivo do mesmo, pese ao "grave quebranto na súa carreira profesional".
En todo caso, Puy incidiu en que tampouco houbo "desculpa" algunha noutros casos que "quedaron en nada" como o do suposto acoso inmobiliario en Ourense, "o que afectaba o director xeral de Montes, ao que se chamou corrupto na Cámara" ou o "do antigo delegado da Xunta en Ourense, por outro asunto cunha sentenza totalmente absolutoria".
Puy defendeu o argumento de que a decisión está ligada á formulación que fan as sociedades científicas sobre a necesidade de que haxa un número mínimo de nacementos para garantir unha óptima práctica clínica e aludiu ao descenso demográfico na comarca. Sobre o resto de hospitais comarcais, instou a "preguntar aos especialistas".
"Imaxínese se hai unha desgraza e non facemos o que se nos indica, os médicos dirían que xa se advertiu. Actuamos con sentido común", insistiu e preguntouse que faría a oposición se chega a xestionar a sanidade pública galega. "Non aceptaría, por criterios políticos, a recomendación técnica?", preguntouse e insistiu en que a decisión se toma "única e exclusivamente" pola "seguridade de nais e fillos".
CRISE SANITARIA, "CADA DÍA MÁIS PREOCUPANTE"
No polo oposto, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apuntou que a supresión do paritorio no Hospital de Verín demostra que "cada día que pasa en Galicia a crise sanitaria é máis preocupante".
Ademais, cargou contra a modificación da Lei de Saúde aprobada pola Cámara no 2018, que "eliminou as áreas sanitarias" e supuxo a "profundización de recortes, de precariedade laboral e de redución da carteira de servizos sanitarios".
Caballero tamén aseverou que nunha Galicia e cunha "baixa taxa de natalidade", a aplicación dos cocientes en función da poboación "acabaría eliminando a prestación de servizos sanitarios en ducias de municipios", polo que reclamou "un plus de atención" para as zonas despobladas.
Non en balde, reivindicou que foi o expresidente da Xunta Emilio Pérez Touriño quen "lle deu ao ámbito público un hospital en Verín" que na última década "foi perdendo capacidade de prestar servizos". "Hai que rectificar a política sanitaria do PP, porque Feijóo vai pasar á historia como o enterrador da sanidade pública", insistiu.
"DESMANTELAMENTO"
Por parte do Grupo Común da Esquerda, a súa viceportavoz Luca Chao deu "o parabén" a todos os participantes da multitudinaria manifestación do sábado e instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a que acudan ao Parlamento para dar as explicacións "que se negan a dar".
Para Chao, a supresión da unidade de partos do Hospital de Verín "non é unha excepción, senón un exemplo" dos "dez anos de tesoiras" e "desmantelamento" do PP á fronte da Xunta e de Sanidade. "É unha auténtica tomadura de pelo que estean a dicir que están preocupados pola crise demográfica", engadiu
Por este grupo, a parlamentaria Eva Solla tamén tachou de "indecente" que a Xunta se escude en "motivos de seguridade" para adoptar esta decisión, porque "parece bastante evidente que os profesionais teñen bastante claro cando un caso ten que ser levado a outro centro".
Así mesmo, Solla relacionou a eliminación desta unidade coa "supresión das áreas sanitarias" na modificación da Lei de Saúde aprobada na Cámara en 2018: "As consecuencias estamos a velas agora".
MOBILIZACIÓNS "MOI IMPORTANTES"
Tamén Ana Pontón (BNG) aludiu ás "moi importantes" mobilizacións en defensa da sanidade pública que se están rexistrando, como a que tivo lugar o sábado en Verín. Todo iso, na mesma semana da folga e protestas da Atención Primaria.
"E o que ten que facer Feijóo é insultar ao BNG", lamentou a dirixente nacionalista, despois de que o líder do PPdeG afirmase que o Bloque "leva 40 anos coa mesma carraca". En fronte, defendeu que debería centrarse en liquidar "problemas" de Galicia en sanidade ou noutras áreas como "a crise industrial".
DIMISIÓN DE ALMUIÑA E VALEDORA
A deputada do Grupo Mixto Paula Vázquez Verao mostrou o seu apoio ao peche do persoal do Hospital de Verín deste luns e suxeriu que a "desvergoña" e a "falta de diálogo" ao redor desta decisión "merece a petición de dimisión" tanto do xerente da EOXI, Félix Rubial, como do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.
Así mesmo, avanzou que o seu grupo xa solicitou unha reunión coa valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, "para trasladarlle esta situación e que non se recorten dereitos e se produza indefensión" da poboación do rural.
Vázquez Verao lembrou que xa rexistraron iniciativas para pedir "a reposición" tanto da unidade de partos como do servizo de Pediatría de garda en Verín. "Preguntámonos cal é o criterio científico que avale que se obrigue a nenos e nenas a desprazarse 70 ou 100 quilómetros para unha urxencia pediátrica", cuestionou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.