O expresidente de Pescanova, ante o tribunal: "Son o maior prexudicado, perdino todo"

Aínda que admitiu que cometeu erros, o acusado de maquillar as contas da entidade rematou descargando responsabilidades en BDO, a empresa auditora coa que Pescanova levaba traballando dez anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2019 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

O expresidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa declarou este mércores ante o tribunal que o xulga que el é "o maior prexudicado" pola quebra da compañía porque a consecuencia diso "perdeuno todo", á vez que admitiu que cometeu erros e que se atallase antes os problemas de liquidez, a situación sería distinta.

Manuel Fernández de Sousa.
Manuel Fernández de Sousa.

"Eu era o presidente executivo. Eu era, até o último día, o único responsable de todo o que se fixese, mal ou ben, en Pescanova", manifestou Fernández de Sousa a preguntas do fiscal anticorrupción Juan Pavía, durante a segunda sesión da vista oral na Audiencia Nacional.

Pero aínda que non parou de insistir en que el era o último responsable do que pasaba na compañía, o acusado rematou descargando responsabilidades en BDO, a empresa auditora coa que Pescanova levaba traballando dez anos. "Houbo erros na auditoría de BDO e non os podo cualificar doutra maneira", dixo.

Tamén sinalou que "a que revisa o traballo de BDO" é a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), non a dirección da empresa, e que "nunca" recibiron ningunha observación deste organismo público que os advertise da súa situación financeira.

A Fiscalía pide para o expresidente de Pescanova 28 anos de cárcere e multa superior aos 22 millóns euros por presuntamente maquillar as contas da compañía para ocultar a millonaria débeda que adquirira e así seguir conseguindo financiamento, ocultando os datos a investidores e organismos reguladores.

Nos anos 2010 e 2011, o volume da débeda da empresa era entre tres e catro veces superior ao que declaraba, segundo o escrito de acusación de Anticorrupción, unha situación que Pescanova decidiu combater recorrendo ao financiamento bancario, principalmente.

Foi en 2013 cando a verdadeira situación da empresa saíu á luz. Dous días antes da reunión do consello de administración do 27 de febreiro, Fernández de Sousa convocou a catro conselleiros e instounos a achegar 50 millóns de euros para salvar a empresa, pois esta atopábase nunha situación "delicada".

SALVAR OS POSTOS DE TRABALLO

O expresidente explicou no xuízo que estes conselleiros sabían que Pescanova tiña "problemas de tesouraría" e que "unha empresa se salva pola tesouraría", pero que ningún deles achegou financiamento. Segundo o seu relato, era unha maneira de poder pagar unha letra correspondente a un préstamo sindicado de 150 millóns ata que conseguisen vender o negocio salmoneiro, unha operación que, dixo, xa daba por feita.

Fernández de Sousa defendeu que "o primeiro" que tiñan que facer os directivos da compañía era "manter os postos de traballo e os negocios", cousa que, segundo remarcou, conseguiron á vista da creación posterior de Nova Pescanova. "Algo fariamos ben para que iso sexa así", afirmou. Para manter a empresa á boia, explicou o expresidente, o consello de administración acordou por unanimidade "renegociar a débeda" e a firma acudiu entón a preconcurso de acredores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Home para perdelo todo aínda ten unha casa magnífica no Fiunchal de Roade en Vigo https://flic.kr/p/oDS7BC e segundo acreditaron na investigación durante estes anos varias contas no estranxeiro a nome da muller e o fillo e seica agora anda metido en negocios de acuicultura en Arabia Saudí (un lugar moi transparente, seica)