O primeiro intento para desencallar o 'Blue Star' será no mediodía deste luns

Estímase que sobre as 14,22 horas se darán as condicións para reflotar o buque, que se atopa na ría de Ares desde o 24 de novembro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/12/2019 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

O primeiro intento para reflotar o buque 'Blue Star', encallado desde o 24 de novembro na ría de Ares, será sobre as 14,22 horas deste luns, 9 de decembro. Nese momento haberá pleamar e agárdase que se dean as condicións que faciliten a operación, con ondas que poderían alcanzar os sete metros de altura.

Así o aseguraron fontes do dispositivo de rescate consultadas por Europa Press, que trasladaron que todo o operativo, tanto en terra como o mar, está a traballar para poder realizar este primeiro intento en data e en hora.

Os responsables da empresa SMIT Salvage, contratada polo armador conxuntamente coa local Ardentia Marine, de Fene, están a reforzar os puntos de tiro do barco para o seu remolque, xa que terán que aguantar unha resistencia dunhas 200 toneladas en cada un dos puntos. Utilizaranse dous grandes remolcadores, polo que o tiro total será de 400 toneladas.

Destas tarefas encargaranse tanto o 'Union Princess' como o 'Boka Pegasus', que xa están nas proximidades do buque sinistrado. Ambos son considerados "dos máis potentes" para poder acometer accións deste tipo e teñen xa embarcados nas súas cubertas os trens de remolque. Ademais, o 'Boka Pegasus' xa ten un cabo unido ao 'Blue Star'.

Tamén continuan na zona o 'Don Inda' de Salvamento Marítimo e o 'Vehintiocho'. Este último, chegado hai varios días desde Santander, será utilizado como buque de apoio nas tarefas.

PLAN DE RESCATE

Segundo o plan de rescate de SMIT Salvage, a operación de tiro consistirá nun arrastre de maneira combinada entre a zona de babor e de popa do buque sinistrado. Todo iso canto exista pleamar, cun mar axitado, con ondas que axuden e colaboren cos remolcadores para suspender o máximo ao buque e evitar as rocas existentes na zona da quilla.

Outro factor a favor desta operación é que nestes momentos o barco pesa unhas 110 toneladas menos que cando encallou debido á retirada de combustibles e lubricantes do seu interior, ademais das tarefas que se realizan nos tanques de lastre, que se espera ter totalmente presurizados para o comezo da operación no mediodía do luns.

Isto último realizarase co inxectado de aire comprimido para expulsar a auga que entrou no interior do quimiquero tras as roturas en varios zona do casco. No entanto, só afecta á zona exterior, xa que o buque é de dobre casco, e por iso non afectou aos seus depósitos interiores.

Remolcador 'Boka Pegasus', que participará no rescate do 'Blue Star' da ría de Ares (A Coruña)
Remolcador 'Boka Pegasus', que participará no rescate do 'Blue Star' da ría de Ares (A Coruña) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta