Accidentes e cortes de vía tras desbordar ríos, principais efectos do temporal

Unha furgoneta cae ao río en Sarria (Lugo) sen que se produzan danos persoais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2019 | Actualizada ás 20:32

Comparte esta noticia

A xornada de mal tempo, con neve e choiva forte en varias zonas do territorio galego, condicionan a circulación en Galicia e deixaron algún accidente, así como cortes de vía debido ao desbordamento de ríos.

Segundo o 112 Galicia, en Sarria (Lugo), unha furgoneta caeu ao río sen que se producisen danos persoais. A persoa que circulaba no vehículo puido saír do interior da furgoneta polos seus propios medios e atópase en bo estado.

Ocorreu no lugar da Pena, na estrada que une Rosende e Teibilide, uns minutos antes das 17,40 horas. Un particular deu o aviso ao 112, que alertou, á súa vez, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Sarria, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Ao alagarse a estrada, a vía de circulación quedou pechada ao tráfico de vehículos. Fontes do 112 tamén informaron a Europa Press de que segue cortada a estrada en Baños de Molgas (Ourense), debido ao desbordamento do Río Arnoia.

CIRCULACIÓN CONDICIONADA EN PEDRAFITA E NA A-8

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) informa na súa páxina web de que a meteoroloxía adversa condiciona a circulación na estrada LU-633 desde o quilómetro 0, en Pedrafita do Cebreiro, ata o quilómetro 19 en Hospital, en ambos os sentidos. A zona de Pedrafita está en alerta por neve.

Así mesmo, a autovía A-8 á altura de Mondoñedo (Lugo) está afectada pola néboa e a circulación é irregular desde o quilómetro 536 ata o 552 en ambos os sentidos.

Por desprendementos pechouse en ambos os sentidos a N-550 á altura de Caldas de Reis (Pontevedra), desde o kiómetro 96.4 ao quilómetro 100.8, sentido decreciente da kilometración cara á Coruña.

AVISOS POR NEVE E RISCO DE INUNDACIÓN

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior advertiu dun episodio de fenómenos meteorolóxicos adversos para Galicia con neve. En concreto, decretouse a alerta laranxa por neve para as zonas de montaña de Lugo e Ourense, por acumulación e neve de ata 20 centímetros en 24 horas. A franxa horaria era desde as 12 horas deste luns ata a madrugada/primeiras horas deste martes 17.

Aviso amarelo por neve trasladouse ás zonas de Lugo (centro e sur) e Pontevedra (interior). A cumulación da que se alerta en 24 horas é de 4 centímetros en cotas superiores aos 500-700 metros, estando previsto que finalice tamén o episodio nas primeiras horas deste martes.

Así mesmo, actualizouse a alerta por inundacións en varios ríos da comunidade entre a pasada xornada e este luns. Por exemplo, a Confederación Hidrográfica do Douro, organismo adscrito ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, recomenda especial atención nas canles da zona de León, noroeste de Zamora, así como o Támega en Ourense.

O centro de control da conca da Confederación de Miño-Sil no seu informe das 18,35 horas deste luns tamén sinala que se está alcanzando o nivel de alerta para o río Avia-Miño en Ribadavia (Ourense) e que os niveis poden ir aumentando ata dar lugar a desbordamentos puntuais.

Inundación nas rúas da Coruña
Inundación nas rúas da Coruña | Fonte: Youtube

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta