Estase aproveitando a caza do despoboamento no medio rural?

Asociacións ambientalistas e expertos poñen en dúbida a idea de que a caza deixa beneficios positivos no medio rural. Os cazadores estiman a súa actividade propicia para evitar o baleiro do campo ademais de considerala necesaria para o control de certas especies salvaxes, un control que os contrarios á caza din que é innecesario ademais de estar terxiversado.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 24/12/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O número de participantes da actividade cinexética vai diminuindo segundo a Federación Galega de Caza (FGC). Desde este organismo federativo lamentan esta baixada do número de licenzas para practicar o que consideran un deporte e unha maneira de asentar poboación no rural. A Federación remarca o carácter social de cazar en Galicia ao revés que outras partes do estado. Estes dous puntos son discutidos tanto polas asociacións animalistas como ecoloxistas, porque consideran que a actividade cinexética non axuda á fixación de poboación no rural ademais de que non xenera ingresos suficientes como para ter apoios oficiais.

Corzo
Corzo | Fonte: trofeo caza

MENOS CAZADORES

A diminución de cazadores en Galicia vai parella á que se está dando no resto do Estado. Unha explicación é a baixa densidade de poboación no medio rural, contexto onde a  caza se desenvolvía con maior intensidade polos vínculos entre as persoas que vivían en aldeas e lugares co entorno natural. Isto opina Javier Nogueira, presidente da Federación Galega de Caza. “A tempada de caza permanece aberta durante o outono e o inverno, durante esas épocas a actividade cinexética pode axudar ou complementar a economía rural”. Tanto a FGC como grupos de cazadores consultados para esta reportaxe, aseguran que a caza pode ser un elemento que axude a evitar o baleiro no rural.

O biólogo Xavier Vázquez Pumariño considera que esta actividade non axuda a asentar poboación no rural, “é das poucas actividades que persisten cando se despoboa o rural, non ten nada que ver”. O que detecta Pumariño é a existencia dun cuestionamento sobre a actividade cinexética, “foi unha actividade de supervivencia e foi evoluindo cara a unha actividade de ocio, por iso agora busca un motivo para autoxustificarse”.

A asociación animalista Libera!, por medio do seu portavoz en Galicia, Rubén Pérez, afirma que para asentar xente no rural “ten que haber unhas políticas públicas que permitan desenvolver actividades produtivas ou turísticas, que permitan a volta de persoas a municipios case despoboados”. A actividade cinexética como actividade de ocio non significa para Libera! “que axuda a fixar poboación, a maior parte das tendas dedicadas á caza están en cidades ou vilas grandes”. Pérez tamén apunta que “o lobby da caza argumenta este tipo de discursos para xustificar a súa actividade. Para fixar poboación cremos que hai outros medios para facelo”.

Cazadores en posto disparando a aves
Cazadores en posto disparando a aves | Fonte: trofeo caza

A caza en Galicia pódese enmarcar dentro do que se chama "caza social", diferente da que se fai en grandes extensións noutras partes do Estado. “Pouco ten que ver cun modelo de caza comercial e intensivo” di Martiño Nercellas membro de Adega. “Nunhas áreas do rural pode ser un suplemento económico, mais moi minimamente”.

BENEFICIOS ECONÓMICOS?

Desde a FGC estiman que a cantidade de diñeiro que pode quedar no rural por cazar é de dez millóns de euros por ano. “Esta actividade está moi distribuída socialmente en Galicia, os 40.000 cazadores que hai na nosa comunidade están divididos en sociedades ou cuadrillas por todos os concellos”.

Por outra banda, o investimento individual que se pode facer, varía en función do equipamento que teña o cazador. Segundo o “Estudo Socioeconómico sobre a caza e perfil do cazador en Galicia”, da FGC, o gasto realizado pode ir duns 400 euros aos 1.200 por ano e persoa. “Todo depende do que queiras e o tipo de caza, un rifle pode ir polos 1.000 euros, unha escopeta pode chegar tamén a 1.000 euros, mais é un equipo que che pode durar toda a vida, botas desde 50 a 300 euros”.

“Que haxa algún colectivo ou persoa que queira practicala, xustificaría a existencia da caza” di Vázquez Pumariño”. Para este biólogo “é certo que move diñeiro, mais o feito de non cazar tería outras oportunidades económicas posiblemente maiores”. A referencia ao turismo ecolóxico, observación de animais en estado salvaxe e outras posibilidades.

Non, para nós non é nin un deporte, é unha xustificación do lobby procaza para recibiren subvencións” declara Rubén Pérez. “Realmente o que queren é recoller de todo para ver se algún deses argumentos serve para xustificarse”. Unha polémica que lembra o portavoz de Libera!, foron as grandes batidas para cazar raposos en Galicia e que segundo Rubén Pérez tamén terían recibido subvencións públicas.

O argumento de que a caza é unha actividade que pode redundar moito na economía rural é, para Martiño Nercellas, rotundamente falso. “O que deixa non supuxo en todos estes anos de decadencia rural un revulsivopara frear a grave problemática do rural”. Nercellas indica que non está facendoun discurso anticaza, por iso matiza que “máis alá do entretemento e diversión que se lle supón, pouco hai dunha suposta xestión de fauna ou de revulsivo económico e dinamizador rural”.

PROLIFERACIÓN DE XABARIL E OUTRAS ESPECIES

Os últimos anos viron aumentar as protestas e denuncias sobre ataques de xabaril a terreos de cultivo ou raposos roldando as vilas e cidades. A cuestión que apuntan algunhas voces é que existen intereses en que só proliferen algunhas especies para a práctica cinexética. “Hai un aumento de especies de caza maior porque o hábitat élles máis favorable” di Javier Nogueira. Pola contra, especies de caza menor como aves, perden os seus lugares habituais de permanencia. “O xabaril por exemplo, achégase a zonas periurbanas porque ten condicións favorables como alimento, e no caso do corzo ocorre o mesmo coa proliferación de pastos extensivos e cultivo de bosque de eucalipto como refuxio”.

Outras voces consideran que se está a terxiversar esta cuesitón. “As bases de referencia son que hai un número determinado de exemplares de cada especie” di Vázquez Pumariño. “Se poñemos unha liña temporal; que queiramos, seguindo esa liña temos sempre un número máis algo ou un número menos algo”. Pode haber agora máis xabaril e corzo que en 1950? “Pode haber, si, mais por cuestión de cambios no hábitat”.

Vázquez Pumariño sinala a necesidade de ser cautos e de ter perspectiva sobre este asunto. “Sempre están manipulando medios, políticos falando de que hai corzo, máis respecto a cando? Máis xabaril, respecto a cando? Máis raposo respecto a cando? Máis raposo xa digo que non, iso ten consencuencias sanitarias carísimas, non só en cartos”.

Ademais do dito, a presión que exerce o ser humano sobre as especies de caza fai que estas se movan cara lugares onde se senten seguros ou non senten tan perto a presenza do cazador. Rubén Pérez apunta que a lei de Caza de Galicia reduciu as franxas de seguridade. Isto, segundo Pérez, trouxo que se están as franxas “a cen metros das grandes vías, ao sentiren o perigo e a presión fai que vexamos máis xabaril en entornos urbanos ou hai máis cultivo estragado porque están presionando a estes animais”.

A idea dunha proliferación de especies que están invadindo espazos non habituais para elas, son informacións que “non se sustentarían con datos contrastados, senón con repetir e repetir de que hai moitos exemplares ante unha aparente poboación” di Martiño Nercellas. Falamos de especies integradas en poboacións no medio e moi dinámicas, “cunha serie de relacións ecolóxicas, da súa bioloxía e etoloxia do comportamento que se despreza e se descoñece nesas valoracións”. O riguroso, para Nercellas, sería contrastar esas informacións con estudos técnicos que respectaran as metodoloxías propias de censo e estimas.

A caza por si soa non é un factor que implique asentamento ou fixación de poboación no medio rural. Aínda que supón un movemento económico en certa medida destacable, as asociacións mediomabientais e animalistas, apuntan a escasa ou nula incidencia do factor económico da caza no rural. E por último, o estudo científico para poder estimar se o número de exemplares dunha ou varias especies é superior ao conveniente, sería moi necesario para tomar as medidas pertinentes.

Raposo
Raposo | Fonte: turismo de observación
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 nostrus

Por supuesto que la caza deja beneficio economico, muy al contrario de las asociaciones ecologistas que no dejan ni un euro, sino que ademas son una absorcion de subvenciones. La caza viene practicandose desde el cominezo de la Humanidad y esa proporcion ha de mantenerse incluso aunque la caza no sea una necesidad como lo fue antaño. Los cazadores no solo aportan al equilibrio de las especies sino que ademas ponen pasta. ¿Cuanto aportan los que se dedican a esbardallar en contra de los cazadores?.

1 caza abolicion

Mentira.a meirande parte dos cazadores son urbanitas que tiveron vencello co rural.actualmente das zonas periurbans..curiosamente en moitis casos eucalipteiros.onde hai eucaliptos nim hai biodiverdade nin cimida nengunha.por eso van a onde sin

2 nostrus

mellor abolicion de homenaxes a Castelao e a Franco.