Pasos e consellos para adoptar unha mascota de xeito responsable

Protectoras e animalistas piden un control "efectivo" das adopcións de mascotas e esixir "entrevistas previas". 'Os Palleiros', de Pontevedra, opta desde hai uns anos por non entregar cachorros nestas datas.

Por Europa Press / Redacción | CORUÑA, A | 25/12/2019 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

Protectoras e animalistas piden un control "efectivo" sobre aqueles que entregan animais en adopción, pero tamén a inclusión na lexislación galega da obrigación de "entrevistas previas" a quen os adoptan para evitar os abandonos tras as festas do Nadal ou en épocas como o verán. Mentres, desde a protectora 'Os Palleiros' de Pontevedra, optouse por non entregar cachorros nestas datas.

En declaracións a Europa Press, Rubén Pérez, portavoz da asociación animalista Libera, afirma que a Lei de Benestar Animal "non determina cuestións como posibles entrevistas previas ou seguimentos, que son habituais nos refuxios de animais xestionados pola ONG".

"É unha materia que o decreto regulador ao que se comprometeu a Xunta podería ampliar para mellorar a seguridade dos animais adoptados", defenden apelando tamén a un "rexistro unificado de persoas sancionadas e inhabilitadas" que evite adopcións "por parte de persoas que non poden".

No caso de animais abandonados, esta entidade lembra que deben ter a condición de abandonado, segundo os prazos establecidos pola lei; chegar  dun centro de recollida autorizado e ser declarado apto para a adopción para que esta poida formalizarse.

NORMATIVA GALEGA

Sobre a normativa galega e se debería ser máis esixente, Rubén Pérez sinala que "máis que endurecer, deberíase reglamentar xa que existen persoas particulares que dan animais en adopción cun contrato administrativo entre as partes, coma se fose unha entidade sen ánimo de lucro ou un servizo público, e estas figuras non están contempladas na normativa".

"A nosa proposta máis factible a curto prazo sería que estas adopcións particulares quedasen arbitradas por unha ONG, que fixese de intermediaria ou garantise o cumprimento do contrato".

Respecto da iniciativa da protectora 'Os Palleiros', de non deixar adoptar cachorros ata despois de Reyes, aseguran que é "unha proposta positiva que axuda a concienciar sobre a responsabilidade que supón convivir cun animal".

No entanto, sinalan que a porcentaxe de persoas que adoptan como agasallo é "probablemente baixo, xa que este acto non busca un animal dunhas condicións físicas ou dunha raza específica, sendo de forma habitual un xesto solidario e cunha reflexión previa por parte da familia adoptante".

"En todo caso a iniciativa é acertada como método de sensibilización, aínda que o resto de protectoras que manteñen esta vía aberta en época do Nadal seguen protocolos estritos para evitar que unha adopción se converta nun agasallo", lembran.

"CANSARSE" DO AGASALLO

"Hai xente que logo se cansa do regaliño" explica Gloria Cubas, presidenta da protectora 'Os Palleiros', quen indica que no seu caso non deixan adoptar cachorros nos seus primeiros meses de vida nestas datas "se non é coa persoa coa que vai vivir".

Para iso, ten que facer unha entrevista previa, "sexa adulto ou cachorro". Sobre os motivos, asevera que é para "aconsellar" tamén sobre o máis conveniente "porque, ás veces, a xente déixase levar pola estética". "Non é un capricho, é unha responsabilidade", incide Gloria Cubas.

Mentres, desde a protectora 'Gatocan', con sede en Coirós (A Coruña) precisan que no seu caso non adoptan ningunha medida distinta nestas datas "porque os requisitos de adopción de Gatocan son esixentes todo o ano".

Sobre os mesmos, lembran que "dependen de cada protectora". "Nalgunhas son inexistentes ou practicamente inexistentes", subliñan. Por iso, reclaman "máis control efectivo sobre as persoas e establecementos que entregan animais en adopción sen ningún tipo de autorización xa que non son entidades autorizadas".

VENDA EN TENDA E INTERNET

Por outra banda, sobre a concienciación entre a sociedade, desde Libera apuntan que "hai máis". Con todo, precisan que "non inflúe positivamente que se sigan vendendo animais en tendas ou a influencia de Internet, onde diferentes páxinas web actúan como intermediarias ofrecendo animais de forma irregular e a prezos moito máis baixos que vendedores legais"."Hai que cortar de raíz o comercio ilegal en Internet sancionando ás empresas intermediarias e aos anunciantes", din.

Para reducir as cifras de abandono, --as protectoras consultadas coinciden en que segue habendo "moitos" casos-- desde Libera apuntan á necesidade de centrar as políticas públicas na prevención, a través de actuacións educativas a nivel escolar, e para a poboación en xeral. Por outra banda, avogan por que a Xunta favoreza a esterilización animal, "unha medida que evita camadas indeseadas e negocio irregular".

Cans abandonados que coida o CAAN da Deputación de Pontevedra
Cans abandonados que coida o CAAN da Deputación de Pontevedra | Fonte: Europa Press

OBXECTIVO, "ABANDONO CERO"

Mentres, desde a Consellería de Medio Ambiente recalcan que a Lei de Protección e Benestar Animal, que entrou en vigor o ano pasado, busca "combater os malos tratos en calquera das súas formas e promover o abandono cero en Galicia mediante a adopción e a concienciación".

"É a primeira vez que en Galicia se establece un concepto de 'acollemento temporal' e a figura dos fogares de acollida", sinalan como exemplo das melloras introducidas. Tamén inciden en que o novo réxime sancionador é "máis duro", aínda que aluden, por outra banda, ao "efecto disuasorio" das multas para concienciar sobre as responsabilidades cos animais.

Á súa vez, destacan un "aumento substancial" en Galicia das inscricións de animais domésticos no rexistro existente, cun incremento mensual medio de algo máis de 1.300 animais inscritos desde a aplicación da nova lei, segundo informan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta