Traballadores do centro de chamadas do 061 convocan folga por "ameazas" de impagos

A central considera que é obrigación da Xunta de Galicia e da empresa arranxar esta situación de "inestabilidade e incerteza" para o persoal operador do 061, e solicita que os traballadores "deixen de ser reféns da mala xestión da Administración e da subcontrata".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2019 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

O comité do Grupo Norte, empresa que xestiona o centro de chamadas, do 061 convocan folga parcial --de 19,00 a 21,00 horas-- o 6 de xaneiro ante as "ameazas" da empresa de non abonar as nóminas de decembro e seguintes meses.

Segundo informa a CIG nun comunicado, sinala que con esta protesta búscase "evitar que se produzan falta de pagamentos ou novos atrasos no cobro de salarios, como xa ocorreu coas nóminas de novembro". Ademais, emprázase a abrir unha mesa de negociación "estable e eficaz" para dar solucións a cuestións laborais pendentes "desde hai meses" que afectan a máis dun centenar de empregados.

"Os problemas no cobro das nóminas comezaron ao pouco de anunciar a empresa a súa intención de non continuar co servizo, que ten que prestar en situación de prórroga forzosa mentres non se resolva o novo concurso", explica o sindicato. Así, Grupo Norte, "seguindo a liña habitual de ameazas e coaccións", "advertiu que se a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 non lle abonaba a débeda existente, non estaría en disposición de afrontar o pago das nóminas a case un centenar de empregados".

Xunto a isto, a empresa comunicou a súa intención de aplicar unha modificación "substancial" das condicións laborais para eliminar o chamado "plus destino" que recibe o persoal en compensación polo cambio das instalacións de Santiago á Estrada, e que se logrou tras dúas convocatorias de folga.

A denuncia que a "estratexia" do Grupo Norte é utilizar aos traballadores para coaccionar á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 "coa finalidade de conseguir que este organismo lle abone a débeda pendente".

Por iso, a central considera que é obrigación da Xunta de Galicia e da empresa arranxar esta situación de "inestabilidade e incerteza" para o persoal operador do 061, e solicita que os traballadores "deixen de ser reféns da mala xestión da Administración e da subcontrata".

Centro de chamadas do 061
Centro de chamadas do 061

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta