A tensegridade neofalante dos Makah

Nesta trixésimo sétima entrega de ‘Viaxes sen Lee’, a gorxa cálida de California conecta os pobos Klallam e Makah do noroeste estadounidense coa lingua proletaria do noso pobo.

Por Gabriel Rei-Doval | Neah Bay (Washington, USA) | 30/12/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Hai cinco anos finaba Hazel Sampson, o derradeiro falante nativo de klallam, nun hospital de Port Angeles. Con el foise a reprodución familiar da lingua salish máis noroccidental dos Estados Unidos. O lingüicidio, iniciado contra 1880 polo goberno norteamericano con políticas exterminadoras, prolongouse ata os anos 50, cando xurdiron os movementos de loita polos dereitos civís e mentres os paleofalantes klallam comezaban a contarse cos dedos das mans. No último lustro a supervivencia das falas nativoamericanas transitou xa, no bicarelo do bico do brelo, por universos neofalantes.

En Neah Bay, a matria da Nación India Makah
En Neah Bay, a matria da Nación India Makah

Mais a reivindicación das linguas propias do noroeste estadounidense continúa. O klallam é aínda coñecido por eses sons glotais que o fan tan característico. A súa fonética enxebre esténdese pola costa noroccidental estadounidense desde o oeste de Seattle ata o lindeiro coa lingua makah que Sapir asociou co klallam vía proto-mosan extinto. Aínda así, as semellanzas lingüísticas entre klallam e makah atribúense hogano non ó parentesco senón ó contacto, lingüístico e humano, entrámbolos dous pobos.

Nestas andrómenas barruntaba eu cando batín, na entrada de Neah Bay, co Museo Nacional Makah. Ó enxerga-lo cartel, desvieime á esquerda e Auris quedou  descansando no aparcadoiro á raxeira cálida do noroeste. Xa na recepción do museo, preguntei con curiosidade polo servizo de normalización lingüística makah. E ó pronuncia-la máxica palabra revitalization xurdiu raudo desde abaixo do mostrador Cheech-ma-han, co cabelo laso negro e ollos amendoados a escintilarlle coma luar de outono serodio. Díxome que o makah en realidade estaba non resucitando senón acordando e que, coma a maltratada nai natureza, axiña espertaría do seu soño.

Imaxinaba que os visitantes gringos chegados a aquelas latitudes terían intereses menos reivindicativos ca os meus, de aí quizais o entusiasmo pola parola dinamizadora de Cheech-ma-han, graduado en lingüística sociocultural pola Universidade de California. Alí, nas aulas de Santa Bárbara, comezara a compartir prácticas articulatorias con Kerry, deitados os dous rente ó mar de Isla Vista. Desde o comezo, a súa muller mostrara un dominio prodixioso dos hábitos glotais do noroeste. Ó pronuncia-lo nome Kerry pregunteille se por acaso tería familia en Port Angeles, e respondeu con abraio que a súa sogra comprara Deep Pamela, un rancho illado ó pé dos cumios xeados de Olympic National Park.

Retrucarlle que pasara naquel rancho a noite anterior fixo que os seus ollos rasgados prendesen coma lúa chea de San Xoán. E a parola tomou vigor e profundidade. Kerry chegara á reivindicación da lingua proletaria do seu pobo desde a práctica da tensegridade e o amor glotal acabara de unilos mentres ambos completaban estudos en Santa Bárbara.

Entrando no Museo da Nación Makah en Neah Bay
Entrando no Museo da Nación Makah en Neah Bay

A fascinación pola súa historia encandilou o meu maxín de guerreiro da liberdade total e saín  lixeiro cara ó rústico motel que Kerry xestionaba onda o paseo marítimo de Neah Bay. Mais Cheech-ma-han tivo que vir rescatarnos para chegar ó destino, pois no medio das interminables curvas ata Neah Bay quedaramos sen sinal no GPS e, como me avisaran, a cobertura non volvería ata saírmos da reserva Makah o día seguinte.

Finalmente chegamos a aquel motel de deseño, unha construción de estética makah formada por un mangado de cabanas individuais de carballo americano ensambladas con enxebreza prodixiosa nun enclave privilexiado. Cheguei á recepción e alí estaba Kerry, coa súa media melena loira crecha e aquel sorriso aurora boreal a constituí-la mellor das súas curvas. Kerry e súa nai parecíanse coma dúas gringas de auga segregadas pola voluptuosidade recauchutada de Pamela, que semellaba deseñada polo cirurxián xefe das Kardashian. A sinuosidade de Kerry, porén, era máis suave, coma se imitase a de Meg Ryan en Sleepless in Seattle.

Arrombei a equipaxe nun cuarto de trabes douradas e, tras proba-lo tacto mol das almofadas azuladas sabor algodón, volvín ó singular edificio da recepción presidido por unha densa malla de tubos e cabos lila a formar unha estrela isósceles de cinco puntas. O sorriso de Kerry, curvado cos ollares polas empatías diversas que nos unían, conxelouse porén ó mentar eu gorxas profundas e glotalidades consonánticas. Mais o equilibrio acabou impoñéndose e, cando Cheech-ma-han volveu do museo, Kerry colleume polo brazo, pechou a recepción e guioume ata Calvin’s Crab House. En chegando á beira de Neah Bay, sentamos nas cadeiras de praia brancas ollando os tótems makah e compartimos unha Sam Adams no esplendor azulado que precedía a treboada.

Ó meu interese pola súa iniciación na tensegridade retrucou que nacera no barrio anxelino de Westwood e que súa nai vivira na mesma mazá onde Carlos tivera durante anos a súa chamánica morada. Debeu ve-los meus ollos abertos coma pratos e amagou con proseguir unha explicación máis demorada, mais unha ollada de esguello ó seu reloxo ovalado levouna a citarme no solpor de Cape Flattery para seguírmo-la plática. E retomando a críptica linguaxe familiar afirmou que a súa tensegridade virara neofalante na transición entre California e Washington. Tensión e distensión, soño lúcido e vida esperta, paleofalante e neofalante, ferida e curación. Así -dixo en ton críptico- era o universo makah do noroeste.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA