Por Juan Carlos Piñeiro | Burela | 04/01/2020
Os recentes movementos da administración de Sánchez, sempre co aplauso do Sr. G. Caballero máis preocupado de agradar en Ferráz que en calquera vila galega, veñen de fusilar a xa feble industria galega: As térmicas, Alcoa e as electro intensivas xa as liquidou o PSOE, case transformando a produción industrial galega en referente verde pola vía da castración. Porén dende a administración galega tampouco se está a propoñer un cambio produtivo e o aproveitamento da situación, presionando politicamente para manter o modelo no canto de presión ar para atraer inversión verde en empregos verdes nas zona afectadas, sen esquecer que esta último está nas prioridades da UE, que valora que a economía máis adaptada a este forzoso cambio, medrará un 2% e xerará moito emprego, a que esperamos loo?
Galicia é hoxe vítima da conxunción de dúas opcións políticas nefastas e da falla de vontade de dialogo. Por un lado o PSOE quere ser o referente europeo do Green Deal para ego de Sánchez, pero sen valorar a medio prazo e pola tremenda facendo pagar a Galicia e de seguro investindo as bondades e recompensas de Europa no Levante. Por outro lado a política Feijoo, nunha administración lenta e esgotada de ideas e coa visión política de fai 15 anos que busca o voto rápido na confrontación con Sánchez e o goberno central, defendendo deixar todo como está, cando iso sabe que non pode ser.
O camiño ten que ser outro que artelle unha medida equilibrada: dun lado unha transición ecolóxica de tres lustros e paulatina, investindo os fondos verdes nas zonas de impacto: Mariña, As Pontes, Zona Interior ... para garantir o mantemento e o crecemento do emprego e aproveitar as infraestruturas xa existentes, como os portos. Doutro lado a aposta de políticas da axenda verde, Galicia ten potencial de transformación e ten recursos directamente implicados no cambio produtivo. Especializar a nosa política agro gandeira, que pronto non poderá competir con África, e converter Galicia no referente da política verde europea captando fondos e conseguindo emprego e un mellor entorno onde vivir cumprindo co planeta, mais non se están dando hoxe os pasos precisos. Imos quedar sen industria, sen saída e sen oportunidade.