Emerxencia climática: o quecemento do mar modificará o mexillón galego e obrigará a trasladar as bateas

Un estudo científico indica que a finais deste século estes moluscos van estar sometidos a un estrés térmico que se traduce nun crecemento máis lento e nunha menor produtividade. Os investigadores sinalan as áreas externas das rías galegas como a mellor localización no futuro para os polígonos mexilloeiros.

Por Alberto Quian | Madrid | 08/01/2020 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

Os polígonos de bateas situados nas áreas interiores das rías galegas poderían ter que desprazarse ás zonas externas nas próximas décadas, para mitigar o impacto do cambio climático nos mexillóns. As proxeccións futuras indican que a finais deste século estes moluscos van estar sometidos a un estrés térmico que se traduce nun crecemento máis lento e nunha menor produtividade, debido ao quecemento do mar. Así o conclúe un estudo científico asinado por investigadores do Laboratorio de Física Ambiental Ephyslab
da Universidade de Vigo e do Departamento de Física do Centro de Estudos do Ambiente e do Mar (CESAM) da Universidade de Aveiro (Portugal).

Bateas na ría de Vigo
Bateas na ría de Vigo | Fonte: © Miguel Núñez.

“Os nosos resultados indican que vai haber unha perda de confort que pode minguar a produción de mexillón”, explica para este xornal a investigadora principal, Marisela Des Villanueva.

Un dos efectos do cambio climático no mar é o “incremento da estratificación na columna de auga”, o cal “impide a mestura vertical de nutrientes e osíxeno, o que tampouco favorece o crecemento do mexillón”, prosegue a científica. O que sucede é que o quecemento afecta a circulación oceánica, que se vai retardando, aumentando a estratificación da columna de auga e reducindo a mestura de augas profundas (frías) e superficiais (cálidas). Isto explica que a achega de nutrientes, e en particular de macronutrientes, estea a reducirse.

A finais deste século os mexillóns estarán “sometidos a condicións de estrés, limitando o seu crecemento e, por tanto, diminuíndo a produtividade”

Doutra banda, Marisela Des apunta que “os eventos de algas tóxicas que obrigan a prohibir a extracción de mexillóns dos polígonos de bateas tamén están relacionados coa  estratificación, e os nosos resultados indican que no futuro estes eventos poden ser máis comúns, co consecuente prexuízo económico”.

Así pois, o escenario futuro para o sector mexilloeiro non é nada prometedor. Pero os efectos do cambio climático poderíanse paliar.

SITUACIÓN ACTUAL E FUTURA

No estudo realizáronse simulacións históricas que se centran nos últimos 20 anos e que permiten coñecer as condicións actuais das Rías Baixas para poder comparalas coas condicións futuras. “Segundo os nosos resultados, practicamente durante o 100% dos días a temperatura atópase dentro do rango óptimo para o crecemento dos mexillóns; isto indica que as condicións térmicas son moi favorables para que o mexillón creza e as bateas sexan produtivas”, achega Marisela Des.

Aínda que isto “pode parecer un resultado irrelevante, debido a que xa sabemos que as Rías Baixas son unha das áreas con maior produción de mexillón a nivel mundial”, este resultado “permite, en primeiro lugar, saber que a metodoloxía é boa e obter os resultados correctos e, en segundo lugar, ter uns valores base cos que poder comparar os resultados das proxeccións para final de século”, clarifica a científica.

Na capa superficial, “os mexillóns van estar sometidos a condicións de estrés máis do 60% do tempo en máis do 50% dos polígonos”

Que escenario debuxan as proxeccións futuras? Bastante complicado. As proxeccións céntranse no últimos vinte anos do século XXI (2080-2099) e os resultados indican que a temperatura vai aumentar en toda a columna de auga e en todos os polígonos de bateas. Teremos mexillóns “sometidos a condicións de estrés, limitando o seu crecemento e, por tanto, diminuíndo a produtividade”, advirte  Marisela Des.

Máis detalladamente, explica que, dado que os mexillóns se cultivan en cordas de ata 12 metros, os científicos dividiron a columna de auga en dúas capas: a capa superficial, de cero a 6 metros, e a capa profunda, de 6 a 12 metros.

No traballo comprobouse que “a capa superficial vai ser a máis afectada e onde máis se vai a reducir o confort dos mexillóns e, por tanto, a produción”, apunta a investigadora.

“Os nosos resultados indican que o incremento de temperatura non vai ser homoxéneo en toda a columna de auga. Na capa superficial a temperatura vai aumentar máis que na capa profunda”, comenta.

Deste xeito, “na capa superficial pasamos dunhas condicións históricas óptimas practicamente o 100% do tempo en todos os polígonos, a que no futuro este tempo se reduza”. De feito, agrega a científica, “os mexillóns van estar sometidos a condicións de estrés máis do 60% do tempo en máis do 50% dos polígonos”.

Na parte interna das rías pasarase "dun 100% de tempo baixo condicións óptimas a un 20-40%”

No que respecta ás capas profundas, de 6 a 12 metros, “o afloramento de augas profundas e frías vai mitigar o incremento de temperatura e os cambios van ser menores”, engade. Na maioría de puntos, o tempo baixo condicións óptimas para o cultivo do mexillón supera o 60% e mesmo hai polígonos onde supera o 80%, aínda que aos científicos preocupa a parte interna das rías, “onde pasamos dun 100% de tempo baixo condicións óptimas a un 20-40%”.

De feito, observáronse diferenzas entre áreas das rías, sendo o incremento de temperatura maior na parte interna que na externa.

A estratificación é outro factor físico importante. “Recentemente publicamos un artigo tamén en Science of the total Environment no que analizamos a competición entre  estratificación e  afloramento, e determinamos que o incremento da estratificación no futuro vai limitar o efecto do vento como motor do afloramento e, por tanto, a efectividade destes eventos de  afloramento vai ser menor”, prosegue  Marisela Des.

Un efecto que tamén se observou neste estudo: o incremento da  estratificación restrinxe o  afloramiento de augas, frías e ricas en nutrientes ás capas superficiais, ademais de limitar o intercambio de osíxeno a través da columna de auga. 

Os resultados do estudo indican que vai haber unha perda de confort que pode minguar a produción de mexillón. 

Respecto á estratificación, “o incremento é xeral” e só se observa unha redución nas partes afectadas pola descarga dos ríos internos. “Isto débese a que no futuro se prevé que a descarga dos ríos sexa menor, reducíndose a  estratificación causada pola auga doce que achegan estes ríos”, aclara.

Deste xeito, os mexillóns van estar sometidos a condicións de estrés durante períodos de tempo maiores. “Isto supón, por exemplo, que o mexillón peche a cuncha e deixe de alimentarse ata que as condicións melloren, polo que o crecemento é máis lento, o que podería influír no tamaño do mexillón e afectar á produción”, advirte a científica.

METODOLOXÍA

Para o traballo de investigación utilizouse un modelo numérico chamado Delft3D para reproducir as características hidrodinámicas das Rías Baixas e a costa adxacente. 

Primeiro calibrouse e validouse con datos de campo, para asegurarse de que o modelo é capaz de reproducir a realidade. Despois executouse modelo para os meses de xullo e agosto do período histórico (1999-2018) e do período futuro (2080-2099). Escolléronse 20 anos históricos e 20 futuros para ter datos representativos dunhas condicións xerais da época, non dun ano concreto. 

"Non podemos esperar que os mecanismos de adaptación da especie sexan a solución”, avisa Marisela Des Villanueva

Para realizar as proxeccións futuras utilizouse o escenario de cambio climático RCP 8.5, que é o máis pesimista e o máis probable (a comunidade científica internacional traballa con catro escenarios diferentes nas súas proxeccións, asumindo diferentes niveis de esforzo de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel global; en cada un destes escenarios teríanse diferentes impactos do cambio climático).

A área de estudo seleccionada son as Rías Baixas, unha das zonas do mundo con maior produción de mexillóns. Segundo datos da Consellería de Pesca de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no 2018, a produción acuícola de mexillón aquí foi de aproximadamente 279 000 toneladas, o que supón máis ou menos o 40% da produción europea e o 15% da mundial.

Nesta investigación analizáronse dúas variables físicas, a temperatura e a estratificación. “A temperatura é a variable máis importante por ser un factor crítico para o crecemento dos mexillóns e a estratificación é un indicador da capacidade de intercambio de nutrientes e osíxeno a través da columna de auga”, xustifica  Marisela Des.

SOLUCIÓNS?

Os resultados do estudo indican que vai haber unha perda de confort que pode minguar a produción de mexillón. Ademais, outros estudos indican que os mexillóns teñen unha capacidade limitada para adaptarse ao incremento da temperatura oceánica, xa que se atopan preto do seu límite fisiolóxico. “Por iso, non podemos esperar que os mecanismos de adaptación da especie sexan a solución”, advirte a investigadora.

Os científicos consideran que “cambiar a localización dos polígonos de bateas pode mitigar o impacto do cambio climático”

Entre as posibles solucións para mitigar o impacto do cambio climático, os científicos consideran que “cambiar a localización dos polígonos de bateas pode mitigar o impacto do cambio climático”. Máis concretamente, indican que “as áreas externas das rias parecen ser máis recomendables para novas localizacións”.

Marisela Des resalta que este estudo presenta un "enfoque novo" que é necesario complementar con estudos doutra natureza que analicen outros parámetros. “Así poderiamos entender mellor o impacto do cambio climático, o que permitiría desenvolver un plan de xestión e mitigación adecuado”, comenta.

“Quizá o mellor consello que poida dar é que a industria acuícola tamén se pode implicar no noso traballo; son os que mellor coñecen o ecosistema e as súas observacións poden axudarnos”, agrega.

A investigación realizouse durante o desenvolvemento dunha tese doutoral financiada cun contrato  predoctoral da Xunta de Galicia e enmárcase dentro do proxecto  MarRISK, no que se analiza o impacto do cambio climático en Galicia e a rexión norte de Portugal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta