Verémonos no inferno, señor Alcalde!

«Essas criaturas tinham todas vendido a alma a un diabo da plebe infernal, avarento de sordidezas e de relaxamentos». (O Livro do desassossego, Fernado Pessoa)

Por Xosé Antón Jardón | Ourense | 23/01/2020

Comparte esta noticia
Señor Alcalde de Ourense: Na película ‘21 gramos’, o director Alejandro González Iñárritu recrea a tese do Dr. Duncan MacDougall, acreditativa de que o título do filme coincide co peso da alma. Chegou a esa conclusión pasando pola báscula a varios moribundos, antes e despois de que o espírito se esfume do corpo ao que sempre estivo unido. 
 
Soubemos, por un dos seus socios de goberno, que os científicos recrutados por vostede para pór Ourense na crista da ola, ao non ter que rañar, decidiron pescudar –en segredo, claro– se os edís áureos cumprían os parámetros de tan fabuloso e alxébrico experimento, aplicando unha técnica innovadora que permite facer o cálculo en vida. O resultado xa é coñecido (extraoficialmente): no caso de V.I. a alma pesa a metade do prototipo e todo parece indicar que, se non lle pon remedio, pronto poderá presumir de ser o primeiro alcalde do mapa talmente desalmado.
 
Os asesores municipais achácanlle esa diminución do espírito, alcanzada só en sete meses, á canseira polas promesas cumpridas. Mais, ao non poder acreditalo, decidiron pórse do lado do interventor, quen no seu informe di que, cando unha alma edilicia perde peso, é por mor do pecado. Especialmente, polos pecados de lesa veciñanza.
 
Esa frouxidade espiritual seica non garda relación coas trampas confesadas polo tal Gudinsalvo Ferreira na súa autobiografía; nin co parque acuático que veu e marchou canda as cheas de fin de ano; nin co espantallo de Mariñamansa, ideado para embobar aos papaleisóns do universo; nin sequera coa rapadura dos centros cívicos. Mesmo fica fóra de sospeita o belén máis cutre e feo de España, pois o cabido catedralicio vén de pontificar que, en canto vostede se arrepinta, o pecado seralle perdoado sen penitencia, por tratarse da súa primeira gran obra executada. 
 
Ah! Talvez vostede posúa unha alma minguante por cometer un pecado execrábel, o da mesquindade, ao afirmar que o peche do paridoiro de Verín beneficiaría á nosa cidade. Beneficios como ese pápenos vostede e Feijoo, e quen queira participar na ‘cuchipanda’. Comigo non conten, revólvenme o estómago os menús adobados con tantas doses de insolidariedade. Por iso pronto nos veremos no inferno, señor alcalde, padecendo o mesmo calvario que os que deben ir en busca dos servizos públicos tan lonxe da súa casa. 
Dios guarde a V.I. muchos años. Lisardo Quintas Teixeira.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, pousa coa figura do Neno Jesús recuperada nunha imaxe colgada por Democracia Ourensá no seu perfil de Twitter. DEMOCRACIA OURENSÁ
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, pousa coa figura do Neno Jesús recuperada nunha imaxe colgada por Democracia Ourensá no seu perfil de Twitter. DEMOCRACIA OURENSÁ
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.