O PSdeG pide resolver a débeda pendente do IVE a través do novo modelo de financiamento autonómico

O BNG insiste na vía xudicial para reclamar os 200 millóns e o PPdeG ve "unha pequena broma" a vía socialista.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2020 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apostou por buscar "vías" para paliar os problemas derivados da mensualidade do IVE de 2017 pendente de cobro por parte das comunidades autónomas no novo modelo de financiamento autonómico.

Nunha rolda de prensa ofrecida este luns e preguntado sobre a posible solución a esta cuestión, o xefe de filas dos socialistas galegos avogou por esta opción unha vez que "a vía de axuste regular", que se "fai dous anos despois do exercicio de implementación, pasou en 2019".

"Correspondía facer en 2019 os axustes necesarios para permitir corrixir os desvíos de 2018, era o que o goberno quixo facer e o PP opúxose a esa formulación", asegurou para criticar que Feijóo optase por oporse a unha solución co obxectivo de "buscar unha estratexia de confrontación".

"As mentiras de Feijóo desfanse unha a unha", subliñou Gonzalo Caballero, que considerado que este asunto se vai a "arranxar" do mesmo xeito que se solucionou o problema das entregas a conta. "O que non facemos é caer na estratexia de Feijóo para marcar a axenda política na confrontación co goberno socialista", indicou.

OS NACIONALISTAS INSISTEN NA VÍA XUDICIAL

Precisamente, noutra rolda de prensa celebrada este luns, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, sinalou que, no pleno que se celebrará esta semana na Cámara galega, a súa formación volverá pedirlle a Feijóo que "defenda os intereses do país" recorrendo á vía xudicial para reclamar os 200 millóns que o Estado debe a Galicia.

"Con independencia de quen xerase esta débeda, que foi un ministro e un goberno do PP, é diñeiro das galegas e dos galegos", manifestou a dirixente do BNG, que lembrou que fai apenas tres meses o PP de Feijóo vetou no Parlamento unha proposta do Bloque para acudir aos tribunais e instou ao presidente a "rectificar".

"É evidente que os intereses de Galicia non se defenden nin cun arrebato epistolar de última hora para facer que fai, nin utilizando a este país nunha estratexia de falsa confrontación para maior gloria de Casado", sostivo Olalla Rodil, que subliñou que "os intereses de Galicia deféndense desde o Parlamento, desde a Xunta e recorrendo á vía xudicial cando é necesario".

O secretario xeral do PSG-PSOE, Gonzalo Caballero
O secretario xeral do PSG-PSOE, Gonzalo Caballero | Fonte: Europa Press

BROMA

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, cualificou de "pequena broma" que o PSdeG avogue por resolver a débeda de 200 millóns de euros derivada da mensualidade do IVE correspondente á mensualidade de decembro de 2017 co novo modelo de financiamento, antes de chamar a deixarse de "cousas raras" e manifestar o seu desexo de que o Executivo central pague sen que haxa que chegar aos tribunais.

"Todo o mundo ve que o Estado debe 200 millóns de euros a Galicia polo IVE menos Gonzalo Caballero", esgrimiu Puy, en rolda de prensa, antes de engadir que tamén o constata o BNG, aínda que "non o considerou o suficientemente urxente como para polo no pacto" que subscribiu co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno.

A Xunta, insistiu Puy, non descarta "ningunha vía", incluído "o correspondente requirimento dunha acción legal". Así, reivindicou que é preciso "ter un mínimo de rigor", defendeu que as débedas coas comunidades "non prescriben" e insistiu en que "o que hai que facer é defender o que hai que defender e non andar con cousas raras".

O PSDEG DESCARTA A VÍA DA RECLAMACIÓN

Precisamente, preguntado pola posibilidade de acudir aos tribunais para reclamar estes fondos, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que "é unha vía que está aberta" pero alertou da posibilidade de que aqueles que opten por esta opción "atópense cunha realidade distinta á que expoñen".

E é que Gonzalo Caballero considerou que no Estado das Autonomías "hai que defender os intereses da cidadanía" e é "positivo que haxa lealdade e traballo cooperativo". "Para tensar xa temos experiencias de moita tensión política derivadas do conflito catalán", apuntou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta