Curación glotal en Cape Flattery

Esta trixésimo oitava entrega de 'Viaxes sen Lee' deita luz sobre a resolución da glotalidade profunda na costa occidental dos Estados Unidos

Por Gabriel Rei-Doval | Cape Flattery (Washington, USA) | 05/02/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

As crípticas palabras de Kerry guiaron o meu camiño ata Cape Flattery, a pacífica Fisterra norteamericana de solpores ámbar purpurina. Alí, coa illa Tattosh nun primeiro plano e a inmensa Vancouver Island ó fondo, os chirlomirlos regalaban o seu piar new age desde o bicarelo das altas copas. Antes, a carreiriña dun can desde o aparcadoiro de lama e un quilómetro oculto entre cedros centenarios sobre sollado de progresión minguante.

A carreiriña dun can ata Cape Flattery
A carreiriña dun can ata Cape Flattery

A saída daquela ría pertence ós apenas trinta mil acres que aínda conserva a Reserva India Makah, lonxe do case millón que apertaba antes de asinaren o tratado de 1855 co sempre xeneroso goberno estadounidense. A máis noroccidental reserva dos Estados Unidos, catro milenios despois, conserva aínda ese orgullo arrebatado a outros pobos nativoamericanos a ferro e lume con masacres coma Wounded Knee

Ó noroeste de Washington chegou Juan de Fuca, navegante grego ó servizo da coroa española. Un século despois de principia-la conquista no imperio onde non se poñía o sol, aquel explorador heleno deu nome occidental ó estreito e espectacularizou a ría onde os Makah levaban tres milenios vivindo dun mar bo e xeneroso. 

Juan de Fuca fixo fortuna coas súas exploracións, mais a rapina de piratas ingleses deixouno sen un chico e morreu miserable na súa patria natal. Dous séculos máis tarde, o cartógrafo inglés James Cook ó servizo secreto da súa maxestade coidou atopar naquela costa un agasallo para a pérfida Albión refuxiarse das súas trasnadas polo Océano Pacífico. E foi así como Cape Flattery e mailo Estreito de Juan de Fuca consolidaron a súa presenza global.

O sol comezaba a baixar naquel finis terrae en sábado azul mentres barruntaba no destino de Kerry, a californiana de sorriso boreal no máis remoto enclave do noroeste. Quizais o amor espiritual makah fose estímulo severo para unha anxelina de ascendencia recauchutada. E quizais tamén o Grande Espírito Makah intercedese co caduco deus occidental naquel trasacordo rapaz traído ata o noroeste por vento noto de seda. Kerry e Pamela mudaran o cálido sur californiano pola soleira das borrascas norteamericanas, coma dúas mulleres na procura de día chuviosoloira sobre loira, trocando o glamour de Mullholland Drive pola sobriedade dunha reserva de chuvia púrpura.

Solpor ámbar en Cape Flattery
Solpor ámbar en Cape Flattery

E nestas chegou Kerry con espasmódicas viraxes de torso e rebordante enerxía espiritual ocular. Cando lle preguntei polo seu reloxo oval afirmou se-lo único resto cupidesco dun onte fenecido. Aproveitei a referencia persoal para inquirir na súa tensegridade transpacífica e aseguroume que era a súa única outra reminiscencia californiana. Baixando os ollos, pareceu non querer debulla-lo seu pasado anxelino ata que pescudei na orixe do ioga materno. Un novo espasmo de torso deixouna aliñada co meu fite, e os seus ollos azuis sincronizáronse co horizonte en ocaso emocional púrpura. 

O amor xuvenil rematara, dixo, cando o seu sweetheart do instituto, descuberta a profesión de súa nai, quixo facer da intimidade compartida entrámbolos dous un remake das escenas gorxa profunda que converteran Pamela en estrela fulgurante nos noventa.

O maxín encarnado de Jimmy acabara nun bucle adictivo a pornhub que dinamitara a súa mente no derradeiro ano da secundaria. Con plena conciencia da deriva enfermiza que mutara o seu amor primeiro en pesadelo, Kerry sentírase obxectizada coma extensión erótica de súa nai. E toda a esquizoerótica de Jimmy levou Kerry a se refuxiar nos pases máxicos de Tensegridade en Westwood. Devorando Carlos Castaneda en domingo enxergou unha realidade á parte, fortaleceuse con relatos de poder, calmou as súas angurias en viaxes a Ixtlán e descubriu o seu fermoso corpo enerxético no medio de tan colosal treboada vital.

Tras un ano de ires e vires acumulara tanta enerxía emocional que as manobras da percepción deran en xerar unha nova Kerry, resiliente ó corazón partido e asemade á vergoña da profesión materna. Súa nai sucumbiu por un tempo ó naufraxio pornstar, ata que atopou no christian yoga a ría espiritual en que gorece-la súa maternidade ferida.

E foi así como Pamela, abandonando o estrelato pornográfico ante o dano que á súa filla produciría continuaren en California en plena efervescencia global da internet, atopou no rancho Deep Pamela, incomunicada na vila de Port Angeles, o porto de abrigo en que abeirarse da treboada pornofamiliar. Entrementres, Kerry foi atopando o seu centro. De alí a un tempo, comezou as prácticas articulatorias con Cheech-ma-han en Santa Bárbara e foron xurdindo de vagariño as visitas cupidescas a Neah Bay, a dúas horas de Port Angeles.

Velaí a orixe da pacífica dislocación desde Los Ángeles a Port Angeles, desde a esquizoerótica califoniana ata a humidade serena de Washington. Co Grande Espírito Makah do seu lado, a curación glotal de Kerry e Pamela tomou forma. Na suavidade azul de Cape Flattery todo era posible, mesmo compartir, entre Juan de Fuca e Juan Matus, as profundas feridas da alma e o pain body.

O sol ámbar Makah acadara o derradeiro ocaso azul de setembro. O día seguinte volvería o orballo do outono fisterrán. Mais sen dúbida alí, en Cape Flattery, os ecos dun pasado ferido viraran en azos púrpura para unha vida renovada.

Con Tattosh Island detrás e Vancouver Island (Candadá) ó fondo
Con Tattosh Island detrás e Vancouver Island (Candadá) ó fondo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA