Estes son os nomes das mulleres pioneiras que fixeron Ciencia

Visibilizar as mulleres que fixeron grandes aportacións nos avances científicos-tecnolóxicos é unha das tarefas máis necesarias de cara á igualdade de xénero nas TIC e na sociedade xeral.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

'Ada Lovelace e as pioneiras da informática'. Baixo este inspirador título, o CiTUIS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) en Compostela acolleu na xornada deste luns un relatorio da man da matemática e divulgadora Amelia Verdejo con motivo do Día da Muller e da Nena na Ciencia celebrado cada 11 de febreiro. Na súa exposición, Verdejo emprendeu unha viaxe pola historia da informática a través de nomes femininos fundamentais para comprendérmonos o lugar que hoxe ocupan as novas tecnoloxías no mundo. 

Rapazas do Eniac
Rapazas do Eniac | Fonte: NPR

ADA LOVELAVE E OS CENTROS DE CÁLCULO

O foco adquiriuno, en primeiro lugar, unha muller chamada Ada Lovelace. Ela foi unha escritora, informática e matemática nada no ano 1815 en Londres que ten unha relevancia absoluta no eido científico. O seu momento máis célebre a nivel profesional veu da man da denominada máquina analítica, unha calculadora de uso xeral que ideou xunto a Charles Babbage. A súa educación mentres foi cativa estivo en mans da súa nai, que tiña unha formación moi sólida en matemáticas. Tanto que mesmo se referían a ela como a "princesa dos paralelogramos". A pequena Ada, xa que logo, inclinouse tamén cara ao lado científico. Apaixoada polos animais e pola súa anatomía, quixo incluso construír unhas ás que lle permitiran voar. Conta Verdejo que chegou a idear un aparello en forma de cabalo no que pensaba introducir unha máquina de valor.

Se ben o nome de Ada foi fundamental, hai outras moitas mulleres que tamén fixeron camiño no mundo da ciencia. É o caso, por exemplo, de Edith Clarke (1883-1959), que patentou unha calculadora gráfica que foi empregada para solucionar problemas de liñas de transmisión. Coa entrada da Segunda Guerra Mundial, tanto EEUU coma Europa víronse na necesidade de calcular con moita rapidez. Retómanse aquí os traballos de Ada de cara a montar máquinas informáticas áxiles. De feito, cando Gran Bretaña lle declara a guerra á Alemaña nazi, comeza a contratar informáticas para descifrar mensaxes. Móntase entón o primeiro centro de cálculo, que chegou a ter traballando a 10.000 persoas, das cales o 75% eran mulleres da pequena burguesía.

Unha das máis relevantes foi Joan Clarke (1917-1996), unha muller criptoanalista que particiou no Proxecto Enigma, que descrifraba as comunicacións secretas da Alemaña nazi. Polo feito de ser muller, negóuselle o título completo de matemática, que naquel tempo só se outorgaba aos homes. "A súa capacidade non foi recoñecida nin laboral nin salarialmente", conta Verdejo.

Rapazas do Eniac
Rapazas do Eniac | Fonte: Ronin Educación

AS RAPAZAS DO ENIAC

Ao outro lado do charco, nos Estados Unidos, un grupo de 80 mulleres traballaban tamén como calculistas de traxectorias balísticas para o exército. Foron as chamadas comunmente como "computers". Xa rematada a guerra no 1945, o exército dos EEUU ordenou a creación dunha máquina computadora a gran escala. E aquí de novo, as mulleres estiveron presentes. Se ben quen levaron as glorias foron dous enxeñeiros, a máquina viña "sen manual de instrucións" e a posibilidade de que dera os seus froitos debeuse a seis mulleres informáticas que foron coñecidas como as Rapazas do Eniac. "Cando comezaron a saír as fotografías deste traballo, dicíase que as mulleres que aparecían nelas eran modelos de frigoríficos, o electrodoméstico de moda naquel momento", sinara Verdejo. 

A investigadora cita, entre outras Rapazas do Eniac, a Betty Holberton (1917-2001). No seu primeiro día de Universidade, o profesor de Matemáticas espetoulle que non entendía que facía na aula cando debería estar na casa criando os fillos. "Espantada, marchou para Xornalismo", relata. "Mais a súa afección polas matemáticas mantívose sempre". Kathleen Antonelli, Frances Bilas, Marlyn Meltzer, Ruth Teitelbaum e Jean Barkit foron as outras cinco mulleres que conformaron ese grupo de traballo fundamental para o funcionamento da máquina computadora.

DENDE A ARMADA OU DENDE A NASA

Dende a Armada ou dende a NASA, personaxes como Dorothy Vaughan ou Grace Hopper desenvolveron tamén as primeiras linguaxes de programación como o FORTRAM ou o COBOL. E dende a sociedade civil, os traballos de Hedy Lamarr sobre o espectro ensanchado para protexer as comunicacións cos mísiles durante a II Guerra Mundial son fitos na historia da ciencia. De feito, conforman a base da actual wifi. O considerado primeiro ordenador de oficina veu da man doutra muller, Evelyn Berezin, que o ideou no ano 1953.

Son moitas as mulleres pioneiras nos diversos ámbitos da informática. Mais se aínda hoxe cómpre celebrar este 11 de febreiro como Día da Muller e da Nena na Ciencia, é porque non son todo o recoñecidas que deberían. Nas universidades, elas seguen sendo minoría. Amelia Verdejo apunta varias razóns que puideron dificultar o seu acceso ao longo do tempo: o cambio de nome de informática a enxeñaría informática, a aparición nos fogares dos PCs, enfocados cara ao público masculino; o estereotipo do informático - varón, individualista, asocial-; e a aparición de Internet, que forzou a idea de que ese era un mundo de homes. 

Mais a tecnoloxía non debe ser só un terreo masculino. "Precisamos de enxeñeiras, só así a sociedade será máis igualitaria e máis rica tecnoloxicamente", clama como alegato final a matemática.

AXENDA PARA OS PRÓXIMOS DÍAS

Esta conferencia enmárcase dentro da serie de mesas redondas a través das que a USC busca abordar a visibilidade feminina no eido científico. Por diante quedan aínda unha morea de actividades que se irán desenvolvendo ao longo de febreiro. Entre elas, o vestíbulo do CiMUS en Compostela acollerá o 12 de febreiro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, a iniciativa ‘Superciencias. O futuro é un xogo de nenas’, en colaboración coa Asociación española contra o cancro. Ademais, a conferencia ‘Mujeres y ciencia: ¿la química funciona?’ a cargo de Marta Macho Stadler, desenvolverase o 19 de febreiro, ás 13.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Química.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta