Por Galicia Confidencial | A Coruña | 18/02/2020 | Actualizada ás 14:41
Adega susependeu a actividade medioambiental da Xunta en 2019. Na 19ª edición dos premios Osíxeno e Dioxina cos que se quere subliñar o mellor e o peor do pasado ano desde a perspectiva ambiental e ecoloxista, a organización ecoloxista castigou en dúas ocasións ao Goberno galego, pola destrución do patrimonio ambiental e cultural a favor a industria forestal, enerxética e mineira.
Así, os premios Dioxina 2019 penalizaron as accións ou actitudes do ano máis nefastas para o medio ambiente galego. E, neste caso, os premiados foron o actual Director Xeral Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, por “avalar a autorización de proxectos altamente agresivos co medio natural con forte oposición social como a mina de Touro-O Pino, o parque eólico Serra do Iribio ou a mina de San Finx (Lousame)”.
Adega, denuncia que Tahoces tamén foi un dos máximos instigadores da coñecida como “Lei de Depredación”, “deseñada para socavar a protección ambiental e reducir o control público de actuacións agresivas como minas e instalacións enerxéticas”.
A organización ecoloxista tamén outorgou o Premio Dioxina colectivo 2019 para os responsábeis da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural polo “seu desleixo e actitude de deixar facer” á industria forestal ou mineira fronte á protección do patrimonio cultural. Así, poñen os casos concretos do Castro de Trinidade, Cova Eirós ou o Camiño de Santiago.
“A D. X. de Patrimonio Cultural, baixo a tutela dos seus responsábeis, semella actuar máis como un servizo forense que certifica as desfeitas do noso acervo arqueolóxico e histórico que como o organismo responsábel de velar pola súa conservación e recuperación”, denuncia.
PREMIOS OSÍXENO
Por outra banda, o premios Osíxeno de Honra, concedidos para subliñar unha traxectoria vital en defensa do ambiente e do patrimonio do país, foron para Elvira Cienfuegos, catedrática de Ciencias Naturais, bióloga, docente, política e ex-secretaria xeral de ADEGA. E, os premios individual e colectivo do 2019 van para Manuel García, un dos fundadores do Movemento Ecoloxista da Limia e da plataforma Auga Limpa Xa!, e para a Asociación Ambiental Senda Nova.
Manuel García foi pioneiro na produción e comercialización de horta ecolóxica en Galiza. Ademais, destaca a súa actividade a prol da defensa ambiental da comarca da Limia fronte á contaminación de terras e mananciais procedente da industria cárnica intensiva, así como pola reivindicación dun modelo agrogandeiro máis sustentable. Actualmente, Coren ameaza con reclamarlle máis de 1 millóns de euros por presuntas “difamacións” contra a empresa.
A Asociación Ambiental Senda Nova destaca por poñer en valor o seu traballo durante 2019 e na última década a prol da educación ambiental nas comarcas de Bergantiños, Soneira e Ordes, converténdose nun referente na zona na organización de actividades de interpretación da Natureza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.