Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/10/2012 | Actualizada ás 13:20
Ademais de PPdeg, PSdeG, BNG, AGE, CxG, UPyD ou SCD, hai outros partidos que tamén se presentan a estes comicios polas catro provincias. En GC tentaremos falar dalgúns deles.
Converxencia XXI
O partido liderado por Carlos Váquez Padín iniciou a campaña electoral este venres en Santiago de Compostela nun acto no que participaron os cabezas de lista ás eleccións galegas polas catro provincias. Despois do mitin, os asistentes paticiparon nunha cea no restaurante Casa Manolo.
Converxencia XXI é o partido dos liberáis galegos e preséntase as eleccións galegas como "a única alternativa de centro galeguista capaz de aportar á sociedade galega as solucións que precisa o país".
Esta formación aposta por unha baixada de impostos como motor de movemento da economía, supresión drástica de cargos e institucións políticas innecesarias (deputacións, senado, delegados, asesores...) ou apoio real ao emprendedurismo empresarial.
Nestas eleccións Converxencia XXI presenta as súas listas coa intención de convertirse na opción galeguista "centrada en solucionar os problemas estructuráis do país" e "sen nengún tipo de atadura con ningunha corrente de esquerdas ou de dereitas".
Encabezan a súa lista por Pontevedra Carlos Vázquez Padín, por Ourense encabeza Henrique Carvalho, presidente da APG (Alternativa Popular Galega), por Lugo Garcilaso de la Vega, executivo comercial e por A Coruña Mateo S. Franco Rguez., Secretario de internet e coordinación estudantil de CXXI, estudante de Enxeñaría en Xeomática e Topografía pola USC.
Partido da Terra
Outro partido que tamén participou na tradicional pegada de carteis foi o Partido da Terra (PT) e este venres o seu líder, Joam Evans, participou en varios actos en Cangas do Morrazo.
O PT centra a súa campaña na concienciación sobre a soberanía alimentar dun xeito lúdico e produtivo. Por iso, distribúe sobres similares aos electorais con sementes de repolo e cunha breve instrución sobre como sementalas.
"É un xeito ameno de iniciar conversas informais sobre algúns dos aspectos máis importantes do programa político do partido como son a soberanía alimentar, a insustentabilidade do actual modelo enerxético e de consumo, os alimentos transxénicos e as patentes xenéticas, a necesidade dunha transición para ciclos curtos de produción e consumo local, a recuperación do rural e da biodiversidade, a permacultura ou a horticultura urbana", apunta esta formación.
Baixo o lema "A túa terra, o teu futuro", o PT está creando tamén diverso material de campaña para ser producido e distribuido localmente por calquera persoa que queira, sexa ou non afiliada ao partido. Entre os materiais ofertados está xa un cartel coa lenda "Isto é Terra Liberada" para que as persoas coloquen nas xanelas da casa, do coche, nas redes sociais, etc.
O PT tamén lanzou un "cartel-esquela" para ser impreso en formato A4 ou A3 e colocado nos espazos electorais das paróquias, vilas e cidades polas persoas que desexen colaborar na campaña deste partido.
CDL
O Centro Democrático Liberal (CDL), con varios concelleiros en Galicia, comezou a campaña en máis de 20 localidades de Galicia, principalmente do Centro de Lugo e do Sur de Pontevedra, que é onde ten presencia institucional, aínda que tamén estarán noutros lugares de Ourense e Pontevedra.
O Candidato a Xunta, José Palacín, desprazouse a Cidade Olivica para pegar os primeiros carteis electorais.
Este venres, o CDL estivo de campaña en Sarria (Lugo), terra natal da candidata por esta provincia, Teresa Sánchez Castro.
Partido Pirata
Tamén outro partido de novo cuño, o Partido Pirata, presenta as súas credenciais nestes comicios. "Foron varias semanas ocupadas entre as protestas do 25S, os nosos proxectos como ONG proactiva (especialmente #parents2parents xunto cos Pirates de Catalunya e os Piratas de Madrid) e a precampaña electoral", apuntan.
Esta formación presenta candidatura por Ourense e Pontevedra. Posto que a súa sede está na rede e non teñen, polo momento, moitos recursos, a súa pegada foi virtual. Con todo, tamén lle explicarán á xente pola rúa o seu proxecto.
O Partido Pirata queren que nas futuras eleccións non haxa que utilizar xa a tradicional papeleta, para respectar o medio ambiente. "Por outra banda, é de escándalo o reparto dos recursos públicos que se fan por lei e que benefician aos de sempre. Publicidade na TV, locais públicos para facer mitins, ata as farolas que alumean e serven para pendurar aos candidatos en fotografía retocada. Así tamén temos asinado un manifesto "Pola Igualdade de Oportunidades nas Eleccións" con algúns dos outros partidos minoritarios que se presentan a estas eleccións co obxectivo de que os medios nos traten por igual ou polo menos non de xeito tan desproporcionado", din.
Partido Humanista
A estes comicios tamén se presenta o Partido Humanista que aposta por unha "alternativa non violenta" á crise. "Somos optimistas, cremos na liberdade e no progreso social. Somos internacionalistas. Non desexamos un mundo uniforme senón múltiple: nas etnias, linguas e costumes; múltiple nas ideas e aspiracións; múltiple nas crenzas, o ateísmo e a relixiosidade; múltiple no traballo; múltiple na creatividade", asegura esta formación.
O PH aposta por un País "sin dirixentes nin xefes" e por un Estado descentralizado sen exército e encara estes comicios coa posibilidade de concentrar o "voto pacifista e humanista".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.