Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2020 | Actualizada ás 12:48
Podemos Galicia lanzou unha consulta na que pregunta á súa militancia sobre se apoian a postura da dirección de establecer, baixo o liderado do partido morado, unha alianza con outras forzas baixo a fórmula Galicia en Común e con referencia a Unidas Podemos na papeleta das eleccións autonómicas do próximo 5 de abril.
Os inscritos do partido morado teñen ata as 20,00 horas deste xoves para responder 'si' ou 'non' á seguinte pregunta: "Crees que Podemos Galicia debemos concorrer ás eleccións galegas coa fórmula dunha coalición baixo a forma de Galicia en Común e a referencia estatal de Unidas Podemos asumindo a iniciativa e sumando outras forzas progresistas?".
A consulta prodúcese en pleno proceso de conversacións con Anova para configurar unha posible alianza para as autonómicas e a pouco máis de 24 horas para o peche do prazo para o rexistro de coalicións. Os contactos, que se producen a nivel organizativo e entre Antón Gómez-Reino (Podemos) e Martiño Noriega (Anova/Compostela Aberta) intensificáronse nas últimas horas.
Os estatutos de Podemos obrigan a referendar ante os inscritos as alianzas para os procesos electorais. Con todo, nas autonómicas de 2016, o partido morado contradixo a opinión dos seus inscritos ao aceptar a súa inclusión no partido instrumental En Marea, en contra do expresado na consulta, que apostaba por pechar unha alianza pero en formato de coalición e coa marca Podemos visible.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.