Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2020 | Actualizada ás 21:03
O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves que non pactará con Vox, á vez que deu dous argumentos: non cre que ese pacto fose "bo" para os galegos e, "sobre todo", porque non considera que "vaian ter representación parlamentaria" tras as autonómicas do 5 de abril.
Nunha entrevista en 'Los almuerzos de TVE', Feijóo subliñou que Vox "coincide con Podemos e os independentistas" no obxectivo de que el non goberne.
Por iso, proclamou que "ese pacto" (con Vox) non é "posible". "Non teño ningún interese nin compromiso de pactar con Vox e non o farei porque non creo que ese pacto sexa bo para os galegos e, sobre todo, porque non creo que vaia a ter representación parlamentaria", remarcou.
"Non imos darlle categoría a un partido que está en contra de Galicia", aseverou, antes de pór o exemplo do idioma.
"Temos dous idiomas, por que hai que meterse cun? Os nacionalistas fano co español, e os de Vox, co galego. Os galegos falamos cordialmente as dúas linguas", defendeu, e reivindicou unha "educación bilingüe", ademais de chamar a deixar de usar o idioma "como arma arreboladiza".
As palabras de Vox tiveron resposta en redes sociais por parte de varios colectivos e particulares. Entre as voces que se pronunciaron está a do BNG, que lembrou en Twitter que Feijóo "dixo no seu día que para Ourense sería letal ter a Jácome de alcalde. E Jácome é alcalde grazas ao PP de Galicia. Agora vén con 'non teño intención de pactar con Vox', pero se lle fixese falta, xa sabes que faría, verdade?".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.