Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/02/2020 | Actualizada ás 12:18
O presidente de Vox, Santiago Abascal, mostrouse este martes disposto a chegar a acordo co PP en Galicia se os seus votos son necesarios para formar Goberno tras as eleccións do 5 de abril. E se o presidente da Xunta e candidato dos 'populares', Alberto Núñez Feijóo, mantén a súa negativa a falar con Vox, Abascal suxeriu que "igual" a solución é que se retire e deixe paso a outro compañeiro.
Nunha entrevista en EsRadio, recollida por Europa Press, o líder de Vox reiterou a autonomía do seu partido nas eleccións vascas e galegas do próximo 5 de abril e insistiu en que o seu partido é necesario porque defende postulados aos que "renunciou" o Partido Popular.
Ademais, lembrou que o PP "excluíu a Vox" dos pactos no Congreso ou os gobernos de Andalucía, Madrid e Murcia, onde optou por Cidadáns. "A nós non nos chamou ninguén", resumiu apuntando que só queren "os votos e as cotas" dos militantes de Vox "pero sen Vox nin os seus dirixentes". "Queren ter unha marca suaviña que lles permita dicir aos votantes de Vox que poden votarlles a eles", acusou.
En calquera caso, aceptou que poderían chegar a acordos en Galicia se os escanos que consiga Vox son necesarios para formar Goberno e sinalou algunhas das condicións que o seu partido poría sobre a mesa, como cuestións en materia lingüística para protexer o uso do español. Segundo insistiu, nesas negociacións "sempre ten que haber condicións", aínda que Vox non acudiría ás reunións con "liñas vermellas" porque é consciente da súa realidade.
Neste sentido, sobre a reiterada negativa de Feijóo a negociar co seu partido, Abascal recoñeceu que "o máis probable" é que o candidato 'popular' tente chegar a acordos "con outros". "Igual vale con que o candidato se retire e e sexa outro", suxeriu como forma de facilitar os pactos.
Vox fará públicas esta semana as súas candidaturas nas tres provincias vascas e as catro galegas, aínda que non oficializará un 'número un' á Xunta e a Lehenkaritza en liña co seu modelo de partido sen baronías rexionais e sustentado nas provincias como o chanzo inmediatamente inferior á dirección estatal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.