E si confiamos na iniciativa privada?

Durante as últimas semanas a política local lucense veuse animada pola proposta, por parte da Xunta de Galicia, de converter o antigo cuartel de San Fernando nun hotel da man da empresa pública estatal Paradores Nacionales.

Por Emilio Martinez | Lugo | 28/02/2020

Comparte esta noticia
A proposta non está avalada por estudios en profundidade, cando menos coñecidos, todo o contrario a proposta sostense en declaracións, suposicións e chamamentos a crer en verdades rebeladas, que sonan a propaganda electoral en tempos nos que os partidos están en campaña permanente. A proposta non parece que teña como fin resolver un problema, neste caso o futuro do antigo cuartel, senón crear un do que sacar algún rédito. Hai que ter en conta que ata  anuncio do goberno autonómico existía un amplo consenso sobre a idoneidade do edificio para albergar un museo da romanización, que se convertera en complemento da Muralla, atractivo fundamental da cidade. Unha idea que xa ven de vello e que diversas vicisitudes impediron que se concretara hai mais dunha década.
 
Precisa Lugo un museo da romanización?. Sin dúbida algunha. Lugo precisa un museo da romanización e precisa, no referente ao seu patrimonio urbanístico, un impulso na recuperación da Tinería, e no adecentamento dos arredores da Muralla. Para chegar a esta conclusión non fan falta moitos estudos, senón simplemente percorrer o adarve unha mañá ou unha tarde calquera e tentar non morrer de vergonza polo que podemos ver. A cidade conta cun patrimonio impresionante. E non somos quen nin de protexelo nin de recuperalo. Pasear polo adarve é mergullarse nunha película pola que se suceden todas as formas que existen de feísmo urbanístico, decrepitude, deixación, vandalismo e ignorancia. Tamén algúns exemplo de bo criterio. Poucos exemplos. Moito traballo por facer por moitos… tamén por parte da administración autonómica.
 
Precisa Lugo un Parador Nacional?. A resposta afirmativa dista de ser evidente. Nestes momentos hai en desenvolvemento iniciativas privadas para construír en Lugo dous hoteis de catro estrelas, un dentro de murallas, na praza de Santo Domingo, con 50 habitacións e outro nos arredores da céntrica Avenida Ramón Ferreiro, no antigo colexio da Compañía de María, co 90 habitacións. A promoción do primeiro é responsabilidade do grupo inmobiliario Dmamán, e o hotel será xestionado por Oca Hotels. A segunda iniciativa, promovida polo empresario Dámaso Expóxito, será xestionada polo grupo francés Accor Hotels baixo a marca Mercure. Estes dous novos hoteis vanse unir a mellora da oferta hoteleira local que significou a renovación integral do Gran Hotel, agora xestionado por HOTUSA.
 
A estas iniciativas súmanse outras como a apertura de apartamentos turísticos ou a ampliación do Pazo de Orbán anunciada hai meses. A conclusión é clara: logo de anos cunha oferta hoteleira estancada, tanto en número de prazas como no referente á súa diversidade, indispensable para competir nos diferentes segmentos do mercado turístico, hoxe o capital privado aposta por Lugo.
 
E neste contexto que aportaría un Parador Nacional?. Posiblemente unha competencia ao sector privado que sen dúbida sería perxudicial. O negocio do aloxamento non é un sector básico: non é educación, non é sanidade, non son servizos sociais, non son infraestruturas estratéxicas, non son servizos de seguridade e emerxencias…o sector hoteleiro non é o lugar no que o sector público deba intervir, salvo en casos estudiados e nos que a iniciativa privada falle en cubrir as necesidades sociais.
 
E isto o di unha persoa que abraza a socialdemocracia e a intervención do Estado na economía, sen ningún tipo de problema, aos señores dun partido, o Partido Popular, que poñen peros e reparos ao traballo do sector público incluso nos ámbito como educación, sanidade, servizos sociais, que a este lle son propios. Mais aínda o partido que precariza a intervención do sector público nos sectores esenciais.
 
Si a Xunta de Galicia considera que Lugo necesita un Parador Nacional e que ese deba ser no Cuartel de San Fernando debería aportar estudos ben nutridos de datos que avalen a iniciativa. Teñen medios suficientes para facelo. A Xunta de Galicia debería demostrar que nestes momentos as iniciativas en marcha non cubrirán a demanda hoteleira do segmento medio-alto que se agarda en Lugo nos próximo anos. E debería demostrar tamén que o uso hoteleiro do edificio é compatible co grado de protección co que goza o inmoble, porque en caso contrario o debate é estéril. E tal vez non tivera estado de mais consultar a proposta tanto a quen é propietario do inmoble como aos que son responsables da empresa Paradores Nacionais. Pero como diciamos, a cuestión non parece que estivera dirixida a aportar unha solución senón a crear un problema. 
 
Lugo precisa un museo da romanización que poña en valor o seu patrimonio, e Lugo precisa unha estratexia turística que mire a medio e longo prazo e dea a coñecer todos os atractivos con que a cidade e a provincia conta.
 
E Lugo, a súa promoción turística, necesita unha política de infraestruturas e de mobilidade que facilite o acceso á cidade en transporte público. Si queremos turismo internacional, máis alo do relacionado co Camiño de Santiago, non viría mal que estes  desexados turistas contaran con posibilidade de chegar en tren ou mesmo desprazarse dende os aeroportos máis achegados dun xeito doado (o que tamén agradeceriamos os que en Lugo, por unha ou outra razón, residimos). 
 

Instalacións do cuartel de San Fernando en Lugo.
Instalacións do cuartel de San Fernando en Lugo.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.