O movemento ecoloxista acusa a Coren de "persecución" e de tentar "amedrentalos" por denunciar verteduras de xurros

43 colectivos asinan un manifesto en apoio a Manuel García, activista do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia) citado a un acto de conciliación no xulgado polas súas denuncias contra esta empresa, que lle pide un millón de euros por "prexuízos".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/02/2020 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

O 2 de marzo terá lugar no xulgado de Xinzo de Limia un acto de conciliación entre a empresa Coren e Manuel García, activista do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia). Este acto ten a súa orixe nunha demanda civil por danos interposta por Coren, que acusa a este home de intromisión ilexítima no dereito ao honor da empresa por, argúen, facer “imputacións falsas” contra ela nun programa de televisión emitido o pasado ano. A empresa estima os danos e prexuízos nun millón de euros.

Integrantes do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) protestan polos problemas de contaminación con xurro da comarca
Integrantes do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) protestan polos problemas de contaminación con xurro da comarca | Fonte: remitida

Diante do que consideran unha "persecución", 43 colectivos ecoloxistas e da sociedade civil de toda Galicia asinan un manifesto en defensa do activista de MEL, pois consideran esta demanda un "intento de amedrentar a quen sinalan as malas prácticas da gandaría industrial e deciden enfrontarse a sistemas inxustos por conseguir dereitos e liberdades sociais e ambientais".

"Mentres que persoas e colectivos que traballan na defensa da xustiza social e ambiental son perseguidos, entidades vinculadas ás elites políticas e empresariais dispoñen dos medios posibles para evadir sancións penais e económicas, ou que se mire para outro lado ante as agresións que padece o entorno no que vivimos", denuncian.

ORIXE DA DENUNCIA DE COREN

O programa España Directo de TVE, emitiu o dezaoito de setembro de 2019 unha reportaxe onde aparecían veciños da comarca da Limia denunciando a contaminación do encoro das Cunchas, que facía inservible o líquido para o consumo humano. Durante a emisión do programa, Manuel García, do MEL, mostraba un vídeo onde se vía un aspersor  (minuto 26) esparexendo un líquido que el dicía eran xurros procedentes dunha explotación de Coren. A empresa ourensá enviou o pasado 4 de febreiro un burofax cunha notificación pola que lle comunicaban a Manuel García que o grupo empresarial comezaría accións legais contra el.

MANIFESTO EN APOIO AO MOVEMENTO ECOLOXISTA DA LIMIA 

O vindeiro día 2 de marzo terá lugar no xulgado de Xinzo de Limia o acto de conciliación previo á demanda civil de COREN contra o compañeiro do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia), Manuel García. A causa ten a súa orixe nunha suposta intromisión ilexítima no dereito ao honor de dita empresa, por facer “imputacións falsas” contra ela nun programa de “España Directo” emitido en setembro do pasado ano. A empresa estima os danos e prexuízos nun millón de euros.

O MEL leva anos denunciando os efectos da gandaría intensiva no val do Limia, a mala xestión dos residuos das granxas, o deterioro das augas pola acumulación de nitratos e a eutrofización das augas; e loitando pola protección da comarca, a produción agrícola ecolóxica e a gandaría extensiva.

Os colectivos que asinamos este manifesto queremos mostrar a nosa solidariedade co compañeiro do MEL, ao tempo que a nosa sorpresa porque se admita a trámite semellante despropósito. Parece obvio que, con este tipo de actuacións, o sector da gandaría intensiva pretende pechar a boca a quen nos opoñemos a este modelo industrial e dicimos en voz alta o que pensamos das súas prácticas.

A gandaría industrial ten repercusións ambientais innegables, especialmente sobre a auga e sobre os solos. A cantidade de xurros e residuos xerada por este tipo de industria é un grave problema para as zonas máis afectadas.

Esta industria é responsable dunha parte importante das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro. Ademais, as grandes extensións de cultivos destinadas a producir os alimentos para os animais criados de xeito intensivo provocan a deforestación de enormes extensións no noso planeta.

En Galiza hai zonas, como a Limia, onde as consecuencias destas prácticas supoñen un problema cada vez maior. O val do Limia absorbe cada ano máis de un millón de toneladas de residuos gandeiros, residuos que en moitas ocasións non son sometidos a ningún tipo de tratamento previo; e que son vertidos mesmo en espazos protexidos, nas inmediacións de cursos de auga, en balsas sen impermeabilizar, pasando así ao solo e contaminando este e os acuíferos. A gravidade da situación fixo xurdir novos colectivos que a denuncian, como a Plataforma Auga limpa xa.

É por este tipo de cousas que o Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de tirar das orellas á Consellería de Medio Rural, indicándolles, mediante resolución, a necesidade de declarar como zona vulnerable a Limia. A resposta da Xunta de Galicia non foi, como sería de esperar, a adopción de medidas de protección para a zona, senón a presentación de alegacións a esa resolución. Deste xeito, a Xunta defende os intereses das grandes empresas do sector, aínda que sexa a costa de desprotexer o medio ambiente, así como os intereses dos pequenos agricultores ou os da gandaría en extensivo.

Non é a primeira vez que en Galiza a industria gandeira intenta tapar a boca a quen denuncian as súas malas prácticas. Xa anteriormente houbo activistas que recibiron ameazas de demanda, aínda que ata agora nunca chegaran ao xulgado. Consideramos moi grave o axuizamento do noso compañeiro, un axuizamento que non é outra cousa que utilizar a Manuel como cabeza de turco para tratar de intimidar a quen se atreva a falar. Non pode ser que cando denunciamos prácticas agresivas para o medio ambiente sexamos nós quen sente no banquillo. Non pode ser que se sinalamos desfeitas queiran cortar o dedo que sinala, en lugar de frear esas desfeitas.

Non imos deixar que nos poñan a mordaza. Seguiremos denunciando as malas prácticas da gandaría industrial, e loitando por unha produción de alimentos racional e sustentable.

#NonÁGandaríaIndustrial

#NonNosVanCalar

Asinan este manifesto: 1. A Ría Non Se Vende, rede de colectivos. 2. A Terra Non Se Vende. 3. ADEGA. 4. ADENCO. 5. Agora Galiza-Unidade Popular. 6. Amigos da Terra. 7. Amigos das Arbores de Ourense. 8. Anova. 9. Asociación Ambiental Petón do Lobo. 10.Asociación Ambiental Senda Nova. 11. Asociación Cova Crea. 12.Asociación de Víctimas de la Justicia. 13.Asociación Fontaíña. 14.Asociación O Bión. Xinzo de Limia. 15.Asociación Pola Defensa da Ría, Pontevedra. 16.Asociación Sachos á Rúa. 17.Centro para a Resiliencia Pousadoira. 18.Cerna. 19.Colectivo Ecoloxista Luita Verde. 20.Colectivo Matogueira. 21.Comité pola Memória Histórica do Val do Límia. 22.Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga. 23.ContraMINAcción. 24.Ecoloxistas en Acción Galicia. 25.En Marea. 26.Federación Ecoloxista Galega. 27.Greenpeace Galicia. 28.Grupo Común da Esquerda. 29.Grupo Municipal EU Son do Porriño - Son en Común. 30.Mesa de Equo Galicia. 31.O Grelo Verde, colectivo pola agricultura ecolóxica. 32.O Ouriol do Anllóns. 33.Plataforma Auga Limpa Xa! 34.Plataforma Casalonga Limpa de Residuos. 35.Plataforma Monte Neme. 36.Plataforma pola Defensa do Rural. Ponteceso. 37.Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non. 38.Salva la Selva. 39.Salvemos O Iribio. 40.Salvemos Monteferro. 41.Sindicato Labrego Galego. 42.Sociedade Galega de Ornitoloxía. 43.SOS Groba. 44.Vaipolorío. 45.Verdegaia. 46.Véspera de Nada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta