Noriega di que renunciar a ser candidato á Xunta permitiu un pacto "equilibrado" con Podemos: "A min váleme"

Asegura que Anova "nunca foi de farol", pero a cidadanía pedía un acordo. O exalcalde de Santiago ratifica que deixará a portavocía local "saia ou non deputado" e di non entender os debates públicos que o situaron como posible cabeza de lista por Lugo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/02/2020 | Actualizada ás 17:07

Comparte esta noticia

O exalcalde de Santiago e dirixente de Anova, Martiño Noriega, revelou que nas negociacións e conversacións das últimas semanas o seu nome estivo encima da mesa como posible candidato á Presidencia da Xunta, aínda que finalmente a coalición asinada con Podemos e Esquerda Unida ten a Antón Gómez-Reino como cabeza de cartel. A súa renuncia a selo, afirma, permitiu un pacto "equilibrado" coa formación morada: "A min váleme".

"Ese foi un debate que se deu (ser o candidato á Xunta) e que ninguén pode esconder. Dito isto, as renuncias de parte son secundarias, incluso as individuais, e se esas renuncias implican que ese espazo fose equilibrado e representado, a min váleme perfectamente", manifestou Noriega, nunha entrevista concedida a Europa Press, tras ratificarse o seu nome como proposta de Anova para concorrer no número 3 da lista da coalición Galicia en Común-Anova Mareas.

O agora portavoz de Compostela Aberta considera que en política "sobran egos e perfís que non entendan a xenerosidade" e explicou que "houbo o debate" do seu nome para ser candidato á Xunta, pero "chegouse a un resultado final que a todos nos vale e é un punto de partida". "Que non quede ningunha dúbida de que, por nós, non vai quedar para conseguir o cambio político en Galicia. Nin por Anova, nin polas mareas, nin por min persoalmente", remarcou.

"Saia ou non saia deputado, sempre quedaremos coa sensación de que o demos todo, e iso reflectirase no resultado, onde estaremos todos corresponsabilizados", insistiu Martiño Noriega, quen lamentou que se dese unha discusión pública sobre facelo"itinerante" como candidato en diversas provincias. Sobre iso, avisou: "Iso é non entender nada, estou aquí para sumar e como motor complementario, nunca o faría por unha razón persoal. A miña finalidade non é ser deputado, por iso en ningún momento se expuxo (internamente) que nin eu nin Antón (Sánchez) fósemos por Lugo ou Pontevedra".

O futuro candidato pola Coruña (este luns finalizan os prazos para rexistrar listas) dáse por "satisfeito" con que a coalición se constituíuse como "un espazo compartido" e que "reflicta o traballo destes anos" e recolla "os dous suxeitos políticos": "a esquerda federal, de Unidas Podemos, e unha versión alternativa ao discurso nacionalista do BNG, que é o suxeito de Anova e as mareas".

Asegura que quen pense que as súas posibles aspiracións políticas estiveron nalgún momento por encima do "espazo" político, "sinceramente non ocoñece". "Os egos e os roles sempre os entendín ao servizo do colectivo e, neste caso máis, porque temos unha expectativa de cambio político no país. E evidentemente, se hai unha coalición e un candidato, que é Tone (Antón Gómez-Reino), será o meu candidato", respondeu.

ANTÓN SÁNCHEZ NON IRÁ NAS LISTAS

Preguntado pola ausencia nas listas de Antón Sánchez, portavoz nacional de Anova e deputado autonómico durante o últimos oito anos, Martiño Noriega sinalou, do seu "estreito" compañeiro político e "amigo", que seguirá "xogando un papel de construción dese suxeito político no país, que naza das mareas e de Anova", o que tamén deixa ver que a formación nacionalista ten intención de expandirse no territorio e seguir buscando un espazo no que caiba un nacionalismo alternativo ao BNG.

"El toma unha decisión lexítima, que é entender que hai un ciclo finalizado no institucional e que ten que achegar máis noutros ámbitos. E tócame respectar esa decisión, que el sabe que non comparto(..,). E tamén, dalgunha maneira, leva que eu hoxe estea implicado nas listas para o 5 de abril", explicou

Noriega asegura quese  leva "sentindo presionado desde hai moitos anos" para traspasar as barreiras da política municipal, algo que el asume --precisou-- de forma "construtiva". "Cando hai razóns para que te presionen, non tes que tomalo como algo persoal, danse razóns de índole colectiva. Pero as presións leváronme á conclusión de que un non elixe a trincheira, senón que a trincheira te elixe a ti. E sempre que haxa razóns de peso, eu vou estar ao servizo do colectivo", manifestou.

Doutra banda, o que será número 3 da coalición Galicia en Común-Anova Mareas advertiu de que "a melancolía do bipartito non vai chegar aritméticamente" para un cambio no goberno da Xunta. "Aí xogo un papel de cemento ou tender pontes", reivindicou, antes de confirmar que "todo o mundo sabía cal era" a súa "posición persoal" na súa "nova etapa vital" e que era --desvelou-- a de "non participar nas listas" das autonómicas. "Pero dito isto, no momento no que me implico nas listas, é para achegar, sumar e conseguir que o noso espazo sexa o motor fundamental do cambio", agregou.

"ANOVA NUNCA FOI DE FAROL"

Noutro momento da entrevista con Europa Press, Noriega rexeitou que cando Anova dixo que se presentaría ás eleccións igualmente se non había acordo con Podemos fose un órdago aos seus potenciais socios. "Non, era real na medida de que o espazo corría o risco de que non ía ser compartido. Anova nunca foi de farol", ratificou, tras o que recoñeceu que "o mandato da cidadanía era claro" a favor dunha coalición única.

"E outro factor (que pesou para chegar ao pacto) é que se alcanzou un acordo xusto, no que todo o mundo sente reflectido. E ese era o obxectivo principal. As cuestións persoais son secundarias", aseverou.

Neste sentido, admitiu, como tamén dixo noutras ocasións o veterano nacionalista Xosé Manuel Beiras, que Anova "cedera" anteriormente, pero que neste caso non cre que a súa formación "fixese un sacrificio, senón que o acordo é xusto": "Anova pagou un prezo alto, porque sempre priorizou a unidade popular por encima da súa posición de parte, pero neste caso, chégase a un acordo no que todo o mundo se sente reflectido e no que se recolle o legado de AGE e En Marea".

PASE O QUE PASE, DEIXARÁ DE SER CONCELLEIRO

Martiño Noriega, tras perder as eleccións municipais na primeira de 2019, é actualmente o portavoz municipal de Compostela Aberta, un cargo que xa dixera que deixaría e para o que se prevía a substitución ao redor do Nadal. "É un proceso de transición, hai que marcar os tempos non por min, senón polos meus compañeiros", explicou respecto da demora.

"Pase o que pase, vouno a dar (a substitución) e outra cousa é que se aceleren os tempos ou non. O resultado final é que eu vou dar a substitución, independentemente do resultado das autonómicas", confirmou.

Gómez-Reino compatibilizará ser deputado no Congreso coa campaña electoral. Preguntado por iso e se esta situación pode dificultar a carreira electoral á vez que implicar que non asumirá o seu cargo no Parlamento de Galicia no caso de que os resultados non sexan bos, Martiño Noriega opuxo que a súa "información" e a súa "sensación pola relación" que ten con "Tone" é que "cando toma a decisión, tómaa para involucrarse na vida política do país e vai ser leal".

"Outro tipo de cousas non as valoro, porque forman parte das cuestións de traspaso; pero non teño ningunha dúbida nin teño por que dubidar do que me transmitiu. Acepta esta responsabilidade para facer traballo aquí", rematou.

Martiño Noriega, dirixente de Anova, e candidato número 3 pola Coruña na lista de Galicia en Común-Anova Mareas
Martiño Noriega, dirixente de Anova, e candidato número 3 pola Coruña na lista de Galicia en Común-Anova Mareas | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 11 comentarios

8 Fingoi

O gorrechas acabou con En Marea e vai camiño de acabar con Anova. A quen se lle pode ocorrer poñer a Fernán Vello de cabeza de lista ?

1 arredista

Con En Marea acabou o felón Villares rodeándose dos que xa liquidaran AGE: os cernas de Palleiro e López Rico, o nacional-baltarismo de Diz e o Cuchufello e as pitonisas anti-vacinas Lidia e a súa aprendiz Alexandra. Fernán Vello foi un parlamentario brillante en Madrid e será un parlamentario excelente en Compostela. Se vos proe a invexa, rañade.

7 Enrique Castro

"...sobran egos e perfís que non entendan a xenerosidade..." Y al llegar ahí, ya leí lo suficiente.

6 Breijar

Anda a blocallada patalexando histérica desde hai unha semana. Boa cousa. Sinal de que se están a facer as cousas ben. 👍🏻👍🏻

5 non o vexo¡¡

Nunca unha película reflexou tan ben a idiotez galega no eido político.. todos sabedes que falamos dos Monty Pyton... no resto dos eidos ainda non atopei unha que estea a altura....

4 Alienao

Non hai renuncia sen imposición