Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/02/2020 | Actualizada ás 18:45
O Consello Nacional do BNG aprobou este sábado as candidaturas e o programa electoral para o próximo 5 de abril. Nas listas, ademais da fichaxe que transcendeu nas últimas horas da exdeputada de En Marea Alexandra Fernández, aposta de novo por Iago Tabarés e Rosana Pérez (ex deputados autonómico e no Congreso, respectivamente) e incorpora á escritora Mercedes Queixas.
En concreto, Alexandra Fernandez ocupa o terceiro lugar na lista pola provincia de Pontevedra, xusto despois da deputada Montse Prado e a cabeza de lista, Luís Bará, polos que a formación volve apostar para ocupar os postos de saída.
Así mesmo, o BNG recupera ao que foi cabeza de lista ao Congreso por Ourense nas eleccións xerais do 28A, Iago Tabarés, que se sitúa agora como o número dous por esta provincia, por detrás da deputada Noa Presas.
Ademais, o membro da Dirección Nacional de Galiza Nova e estudante de Filoloxía Daniel Castro incorpórase como segundo por Lugo, tras a viceportavoz do grupo na Cámara, Olalla Rodil.
Pola súa banda, Mercedes Queixas será o número tres pola provincia da Coruña, seguida de Rosana Pérez. Ambas irán detrás do número dous e actual deputado no Parlamento, Xosé Luís Rivas 'Mini'.
Para pechar as listas, os nacionalistas volven apostar polo antigo conselleiro de Medio Rural durante o bipartito, Alfredo Suárez Canal, que se presenta por Ourense, e mais Rubén Arroxo Fernández por Lugo, cidade da que é tenente alcalde.
CANDIDATURAS "DE EXCELENCIA"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, subliñou que as listas están formadas por candidaturas "de excelencia" con persoas "preparadas, honestas e comprometidas" para "defender os intereses" de Galicia coas "mans libres e ideas claras".
Así mesmo, valorou a "gran presenza" de mulleres nas listas, con tres delas na cabeza das candidaturas da Coruña, Lugo e Ourense. Tan só queda Pontevedra sen un liderado feminino, ao ir Alexandra Fernández de número 3. Ademais, Pontón salientou a incorporación de xente nova coa que "combinan experiencia e renovación".
Neste sentido, sinalou que aspiran a liderar un "reto ambicioso" pero composto por persoas "capaces" con "rigor, seriedade e altura de miras" para "romper coa maioría absolutista inútil e nociva do PP" e ter un goberno con "centro de gravidade" en Galicia e que "non ten despachos de Madrid".
"ACUMULAR FORZAS DENTRO DO SOBERANISMO"
O día no que se ratificou a súa candidatura, Alexandra Fernández publicou en Twitter o seu paso de "sumar" co BNG, xa que coincide coa formación na "necesidade de abrir un novo ciclo no que acumular forzas dentro do espazo do soberanismo", así como na "necesidade de autoorganización e da urxencia de pomerle fin á etapa negra de Feijóo".
ABRO FÍO 👇🏽
— Alexandra Fernández (@aKollontai) February 29, 2020
Moita xente que no seu momento fixemos unha aposta por explorar a alianza táctica entre a esquerda soberanista e a esquerda federalista hai tempo que, ante a evidencia dos feitos, chegamos á conclusión de que esta é unha vía esgotada.
(1/6)
Pola súa banda, Pontón sinalou que o BNG é un grupo "cohesionado, unido e sólido" ao que "cada vez máis persoas miran" porque "son a referencia do cambio". Valorou que é "unha boa noticia" para Galicia porque "fortalece a alternativa de esperanza e futuro", tal e como se refire ao partido.
PROGRAMA ELECTORAL
En canto ao programa electoral, Ana Pontón cualificouno de "ambicioso" e sostivo que ofrece "solucións e políticas autocentradas" que non son un "copia e pega doutros proxectos".
Ademais, destacou que o programa "condensa con historia e solvencia" o proxecto do BNG, pero ao tempo "soubo renovarse" para "pór en marcha" unha Galicia "produtiva, innovadora, social, feminista, ecoloxista e empoderada". Así, sitúa ao partido como a "referencia" da "campaña do cambio" fronte á "continuidade" de "gobernos absolutistas e sucursalistas" para conseguir unha "Galicia gobernada desde Galicia, sen ordes de Ferraz e Xénova".
Pontón recoñeceu tamén o labor de "persoas expertas" para a inclusión de propostas dos "sectores sociais máis dinámicos e innovadoras" ao seu programa electoral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.